David Cameron recoñece nunha histórica declaración que a morte de 14 civís 'católicos' en 1972 por disparos do Exército británico foi "inxustificado e inxustificábel".
Familiares das vítimas, este martes
O primeiro ministro británico, David Cameron, recoñeceu este martes que o acontecido no chamado Bloody Sunday (Domingo Sanguento), a morte de 14 civís 'católicos' na localidade de Derry (Ulster), o 30 de xaneiro de 1972, por disparos do Exército británico, foi "inxustificado e inxustificábel".
"Non hai dúbida. Non hai equívoco posíbel nin lugar para a ambigüidade", asegurou severo o dirixente conservador, para concluír a súa histórica mensaxe coa afirmación "It was wrong" ("estivo mal"). Ademais, "en nome do goberno e do país" trasladou as súas "profundas desculpas".
Unha declaración ante o Parlamento ao presentar o informe dirixido polo ex xuíz do Tribunal Supremo lord Saville of Newdigate, encargado hai 12 anos por Tony Blair en cumprimento do Acordo do Venres Santo. É o informe de máis longa xestación e o máis custoso -195 millóns de libras (234 millóns de euros)- de toda a historia legal británica.
Unha primeira indagación do caso realizada polo xuíz John Widgery, menos de tres meses despois dos feitos, exonerou de responsabilidade os militares, alegando que responderan a disparos dos manifestantes, aínda que non se atopou ningunha arma e ningún dos soldados resultou ferido.
Marcha dos familiares
Este mesmo martes, as familias dos 14 católicos asasinados organizaron unha marcha polo mesmo percorrido pola que percorreu aquela outra, hai 38 anos, a prol dos dereitos civís dos 'católicos' de Irlanda do Norte antes da saída á luz do informe.
Portando as imaxes en branco e negro das vítimas, os seus familiares marcharon desde o Monumento ao Bloody Sunday en Rossville Street deica o Concello de Derry, a segunda cidade máis grande do Ulster, que os 'protestantes' chaman Londonderry (nome oficial).
Segundo a prensa británica, a investigación podería levar ao enxuizamento dalgúns dos soldados involucrados, hoxe todos retirados, aínda que o informe considera que a amatanza non foi "premeditada".
O Bloody Sunday foi un dos episodios crave no conflito entre independentistas e unionistas. O IRA intensificou as súas accións armadas e aumentou o seu apoio popular e o número de adhesións. O 21 de xullo dese mesmo ano, fixo estourar unha vintena de bombas, provocándolle a morte a nove persoas (dous destas, soldados británicos).