Coa súa montaxe 'From I to J' revive a experiencia sensorial da novela de John Berger, no que unha muller, Aida, escribe cartas ao seu namorado preso.
A antiga prisión da Coruña será o escenario a partir deste xoves dunha innovadora montaxe expositiva ideada pola cineasta Isabel Coixet. Grazas a unha actividade da Concellaría de Cultura, a polifacética creadora recrea nas celas do penal o universo ao que dera forma o escritor John Berger na súa novela epistolar 'From A to X'. A xeito de homenaxe a quen tanto a influíu, Coixet achéganos a dor, a soidade, a carraxe... de Xabier, un preso condenado polas súas ideas políticas, a través das cartas que recibe da súa namorada, Aida.
O espectador, que poderá acceder á prisión en pequenos grupos, poderá reconstruír a experiencia do encarceramento nun percorrido polas diferentes celas da antiga prisión, facendo un itinerario no que algunhas das actrices máis coñecidas do cine actual poñen a voz á lectura das cartas recibidas polo encadeado. Penélope Cruz, Monica Bellucci, Isabelle Huppert, María de Medeiros, Sarah Polley, Tilda Seinton ou Leonor Watling forman parte deste conxunto de mulleres que asumen o papel de Aida, contrapunto e complemento de Xabier.
Paralelamente poderán verse os retratos fotográficos que a realizadora fixo ás actrices durante a gravación da lectura, ademais dunha entrevista a Berger, filmada por Coixet, na que expón, abertamente, as súas intencións literarias, agora convertidas nun espectáculo a medio camiño entre a arte, o cine e a literatura. 'From A to X' foi presentada por vez primeira no Centre de Arts Santa Mónica en outono de 2009, logo na Casa Encendida de Madrid. Agora chega á Coruña da man da Concellaría de Cultura cunha montaxe diferente que bota man dun espazo especialmente acaído para o proxecto e máis realista. A recreación das sensacións de angustia faise así máis patente no centro penitenciario coruñés e amósanos outros enrevesados paralelismos.