Os gañadores das cinco edicións do Premio Biblos-Pazos de Galiza presentarán conxuntamente as súas últimas obras.
Será este xoves cara ás oito da tarde. A Casa do Libro de Vigo acollerá a presentación dos gañadores das cinco edición do Premio Biblos-Pazos de Galiza: Iria López Teixeiro, Alberto Ramos, Berta Dávila, Patricia Casas e Pablo García. Os cinco autores, xa recoñecidos pola crítica galega malia a súa xuventude, darán a coñecer as súas últimas obras.
O acto, que será presentado polo director literario de Biblos, Tucho Calvo, ofrecerá a oportunidade de mercar e levar adicadas as obras que resultaron gañadoras do certame e a produción posterior dos cinco mozos.
No caso da gañadora da primeira edición do premio, Iria López Teixeiro, a autora asinará a súa segunda novela: Santa Matriusca (o galardón recibiuno pola súa obra Meniña de cristal). Pola súa parte, Alberto Ramos, que gañou con Dor pantasma (xa esgotada), asinará a súa novela máis recente: Con acuse de recibo. Tamén, Patricia Casas presenta Teselas de cidade; Berta Dávila Bailarei sobre a túa tumba; e o último gañador, Pablo García Martínez, asinará a súa obra Relato dun estalido xordo.