Os labregos exixen unha PAC que controle a produción e que regule os mercados, allea ao dominio das multinacionais.
Logo da manifestación
Baixo o lema 'Outra Agricultura; outra Europa', milleiros de persoas manifestáronse este domingo en Mérida (Estremadura) diante da celebración dun encontro informal de ministros para debater a reforma da Política Agraria Común (PAC), que comezará a aplicarse a partir de 2013. Convocados polo Sindicato Labrego Galego (SLG) e polo conxunto de organizacións que conforman a Coordinadora Europea Vía Campesina, reclamaron un novo xeito de facer política no eido agrario, “que remate co dominio das multinacionais sobre os pobos”.
“A alimentación é unha arma de dominio”, di Carme Freire (SLG) quen apunta a que a reforma da PAC debe basearse en dous piares fundamentais: “o control da produción e a regulación dos mercados”. Nesta liña, a secretaria xeral da central galega reiterou a demanda da “soberanía alimentaria”, que impida os grandes grupos “seguir apoderándose dos pobos”. Porén, lamentou que “a grande maioría dos responsábeis europeos nesta materia seguen sometidos a eses lobbys internacionais, uns grupos de presión que mesmo sustentan gobernos”, denunciou.
Control da produción e regulación dos mercados
No eido da produción, Freire defende un control máis estrito, no que “a oferta se adapte á demanda”, para o que exixe “non seguir apoiando unha produción que se destine unicamente á exportación”. Así, explica que “son estes bens os que permiten que os especuladores trafiquen e negocien con produtos básicos alimentarios”. Ao respecto dos mercados, defende a súa regulamentación. Así, destacou medidas como “a imposición de límites ás marxes de beneficio e a eliminación de axudas tanto para a exportación como para a importación”.