Este ano os concertos serán o 16 e o 17 de xullo. Entre os convidados poderemos ver a Tricky, The Raveonettes, Johnny Winter ou The Sonics.
O Cultura Quente de Caldas, un dos grandes festivais do verán galego, xa ten pechado o seu cartel. Nesta edición, que xa suma a décimo terceira, os concertos atrasáronse unha semana, para non coincidir con outras citas festeiras do país: celebraranse entre o 16 e o 17 de xuño.
A carballeira volverá a ser o centro da festa e da música. Nela poderemos presenciar as actuacións dun amplo elenco de artistas e bandas míticas do máis variado, como Johnny Winter, Tricky ou The Sonics. Tamén haberá tempo para achegarse a grupos máis actuais como The Raveonettes ou os xa consagrados Ocean Colour Scene.
Cartel variado e amplo
Á cita festivaleira súmase ademais este ano o Escenario Xacobeo, polo que pasarán un total de 15 artistas que completarán a variada programación. Así o venres 16, os composteláns Dirty Socks serán os encargados de abrir o Caldas Quente poñendo en escena por que comezan a ser considerados como unha das bandas chamadas a consolidarse como a alternativa na escena galega.
O guitarrista estadounidense Johnny Winter, pouco pródigo no Estado Español, amosará tamén porque está considerado unha lenda da historia do blues e do rock. Tamén, a banda inglesa Ocean Colour Scene e Tricky ofrecerán o seu único concerto no Estado Español neste ano. Os portugueses Clã presentarán a súa novedosa proposta e Amable, o dj de música alternativa de máis renome pechará a xornada do venres.
Xa o sábado comezará coa presentación dos pontevedreses Pulsa Denura, ós que seguirá sen dúbida dúas das bandas que máis están dando que falar no panorama estatal, os madrileños Hola a todo el mundo e Magnética. A experiencia recaerá este día na banda mítica de The Sonics, auténtica referencia e influencia de moitas bandas do garage rock posterior. Para finalizar, poderemos coñecer de primeira man a música de Kitty, Daisy & Lewis e a do dúo danés The Raveonettes. THE RAVEONETTES. O peche do festival correrá a cargo do irreverente dúo vigués Tony Lomba e Elio dos Santos e de Lagartija DJ.