A universidade compostelá presenta unha 'rede social' e unha canle audiovisual en liña con vocación de divulgación científica.
Grandes conferencias, eventos culturais e institucionais... As palabras dos galardoados coas dúas primeiras edicións dos premios Fonseca, os científicos Stephen Hawking e James Lovelock; as reflexións dalgunha das prestixiosas mentes que pasou polo Programa Conciencia, como John F.Nash ou Harold Elliot Varnus... Son algúns dos contidos do fondo audiovisual da Universidade de Santiago que poden consultarse no novo espazo USC TV.
"Xorde para compartir coa sociedade os fondos audiovisuais da USC creando, simultaneamente, unha canle de divulgación científica", explican desde a institución. O propio reitor saínte, Senén Barro, asegurou esta quinta feira que será unha nova canle en liña para a participación de toda a comunidade universitaria que funcionará como ferramenta para a creación da memoria audiovisual da institución. Catrocentas horas de materiais diversos inauguran o sitio web.
Web social
Por outra parte, a outra novidade salientada pola USC é o espazo CasadaTroia.es, presentado como unha "incursión" da universidade compostelá na web 2.0 "e un punto de encontro das inquedanzas da comunidade universitaria canalizadas a través das novas tecnoloxías que vai operar como un espazo propio para traballar en rede onde terán cabida as actividades que se xeran na USC". "Será unha rede aberta á sociedade, universal, na que pode participar calquera persoa interesada coa investigación, o talento, a transferencia de coñecemento e a colaboración coa universidade", expoñen.
Ao tempo, a web institucional da USC achega outros cambios de deseño, incluída a creación dun xestor de contidos para axilizar a mellora da introdución de información no portal. . "Disporá agora dunha maior axilidade e máis volume de información e servizos ao tempo que se lle dá máis visibilidade ao traballo feito polos grupos de investigación, institutos, centros e departamentos", indican.