A terceira edición desta cita lúdica contará con actuacións de Espido, Talía Teatro, Celso Sanmartín e A Banda de Balbina.
“Os que o mamaron na casa. Os neofalantes. Os que din: pero eu non cho sei falar ben. Os que llelo falan aos seus fillos. Os que se arrepinten de non falárllelo. Os que se negan a dicir grazas...”. Así comeza o manifesto de Belén Regueira no que explica a quen está dirixida esta III edición da Edición da Festa da Lingua. Será este venres, na casa da Cultura de Bertamiráns (Ames) e promete ser unha unha celebración por todo o alto.
O evento contará con música, teatro e contos. Conducido por Belén Regueira, contará coa actuación de Espido, a unión de dous grandes personaxes da escena musical galega: Guadi Galego e Guillermo Fernández. A música continuará da man dos gañadores de A Polo Ghit 2009: A banda da Balbina. Tamén haberá tempo para a palabra: Talía Teatro porá en escena a súa peza “Nin en soños” de Sechu Sende, un monólogo interpretado por María Ordóñez. Celso Fernández Sanmartín achegará o seu “Bicoca de boca en boca”, unha compilación de contos e historias de tradición oral.
O acto conta co apoio da área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña que fará entrega do premio Rosalía de Castro de Lingua aos responsábeis da web Blogaliza, iniciativa gañadora desta primeira edición do certame.