Ambos os dous candidatos, Xoán Casares Long e Lourenzo Fernández Prieto, fan un chamamento á participación.
As cartas xa están descubertas. A longa campaña electoral rematou e este luns, en segunda volta, a Universidade de Santiago elixirá o seu novo reitor. Os catedráticos Xoán Casares Long e Lourezo Fernández Prieto, os dous aspirantes máis votados de entre os sete candidatos na primeira volta, compiten este luns pola cadeira de San Xerome nunha das convocatorias máis abertas das que se recordan.
Sen alianzas explícitas cos candidatos que quedaron no camiño (agás o apoio do conservador Xoán Varela a Casares Long), ambos os dous reitorábeis competirán polos 33.445 votos ós que ten dereito a comunidade universitaria.
Na primeira volta, os resultados deron como gañador ao catedrático de Enxeñería Química, mais por unha diferencia real de 10 votos reais, se ben na ponderación o escrutinio final reflectiu unha diferencia dun 5,6% (Casares Long sumou o 26,3% e Fernández Prieto o 20,7%). Con todo, hai que agardar para saber cara a que candidato se dirixirán os votos que, daquela, foron parar a aspirantes de tendencia progresista que, a priori, cabería pensar que beneficiarán a Fernández Prieto.
Chamada á participación
Os dous aspirantes, que xa votaron durante a mañá deste luns, coincidiron en facer un chamado á participación, que xa fora elevada na primeira volta. Fernández Prieto asegurou que “é importante” que tanto o alumnado como o profesora e o PAS participen nas eleccións, xa que “van decidir o que pasará nos vindeiros catro anos”. Na mesma liña, Casares Long asegurou que “non queda máis que agardar á decisión da comunidade universitaria”.
Vídeo 1: Casares Long explica a Vieiros as liñas xerais do seu programa
Vídeo 2: Fernández Prieto explica a Vieiros as liñas xerais do seu progrma