A partir deste luns, principian as protestas contra a decisión do goberno de suprimir a gratuidade para combater o déficit público.
No último plan de axuste presentado polo goberno Sócrates para facerlle fronte ao déficit público e a crise económica contémplase a supresión da gratuidade das autoestradas do norte do país. O executivo quere que, a partir de xullo, haxa que pagar todos os tramos destas vías rápidas que conectan a fronteira galega con Porto (Costa da Prata, Norte Litoral e Grande Porto).
As mobilizacións van comezar este mesmo luns con marchas lentas de protesta. Dende as plataformas contrarias á peaxe que se están a crear coidan que o executivo luso aínda está a tempo de dar volta atrás.
O goberno portugués considera que a gratuidade ten que rematar no Norte porque hai outras vías alternativas posíbeis para os automobilistas e porque estas rexións xa se beneficiaron durante os últimos anos da ausencia de peaxes (algo que non acontece ao sur de Porto).
Mais os contrarios á peaxe cren que cobrar polos desprazamentos é unha “inxustiza” porque sosteñen que a crise económica que sofre o Norte de Portugal é “máis profunda que a media do país”.
A medida tamén vai afectar de cheo aos milleiros de galegos que cada semana empregan autoestratadas gratuitas para moverse polo Norte de Portugal.