Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Concedido pola Deputación da Coruña

Blogaliza gaña o primeiro premio Rosalía de Castro á difusión da lingua

O servizo de creación, mantemento e indexación de blogs en galego recibiu a distinción por decisión unánime do xurado.

Redacción - 18:00 21/05/2010

A web Blogaliza.org foi a gañadora do primeiro premio Rosalía de Castro, concedido pola Deputación da Coruña a persoas, empresas, entidades ou asociacións que axuden a impulsar a presenza do galego. O xurado escolleu a proposta de Blogaliza de entre as 23 presentadas.

Blogaliza é unha web que, ademais de permitir a publicación de blogs mediante un sistema sinxelo, cataloga, etiqueta e facilita resumos de mensaxes das bitácoras do país. Inclúe, ademais, unha listaxe do blogomillo e contidos divididos por temas de interese, como letras, música, cinema, economía ou política.

O premio ten carácter honorífico, sen dotación económica, e entregarase o vindeiro 28 de maio durante a III edición da Festa da Lingua, na Casa da Cultura de Bertamiráns (Ames). O presidente da deputación, Salvador Fernández Moreda lembrou que se valorou a promoción da normalización lingüística, o uso habitual do galego e a contribución á galeguización de sectores relevantes.

O voceiro do xurado e decano do CPXG, Xosé Manuel Pereiro, destacou a unanimidade do xurado malia a dificultade de tomar a decisión, "xa que había moitos proxectos e iniciativas premiábeis". Na web premiada recoñeceu "un esforzo de creación de espazos socializadores emerxentes para o galego, que xunta o esforzo persoal e de investimento na creación dun soporte de internet", creado en 2003 por Pedro Silva e que dende 2008 xestiona Algueirada SL, formada polo propio Silva, Carme Mancebo e Alfredo Ferreiro.

Blogaliza ofrece hospedaxe, mantemento e desenvolvemento de balde a tres mil dos nove mil blogs que se calcula existen actualmente escritos en galego. Pereiro quixo lembrar tamén "o esforzo persoal" de persoas como "a xente que fixo da Galipedia unha enciclopedia que ten xa o 10% das entradas da Wikipedia en castelán, dos que traducen en Facebook ou dos que fan que certas aplicacións informáticas estean dispoñibles en galego".

Composición do xurado
O xurado estivo presidido polo presidente da deputación coruñesa e integrado por Helena Villar, Xosé Manuel Pereiro; Goretti San Martín Rei, xefa do servizo de Normalización Lingüística da UDC; Mercedes Queixas, coordinadora provincial dos equipos de normalización lingüística; Felipe Senén, técnico de xestión cultural da Deputación; Manuel Rico, xefe do gabinete de política lingüística da delegación territorial da Xunta na Coruña, e Inés Dorado Fernández, técnica de normalización lingüística da Deputación da Coruña.


5/5 (9 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: