O municipio quenta motores para festexar o vindeiro sábado unha xornada arredor da cultura libre.
Guerrilleiros, sen armas pero coa forza da palabra e da reivindicación, aterrarán o sábado no municipio de Cerceda para declaralo territorio liberado da SGAE. A asociación Lucerna quere escenificar dun xeito festivo o seu rexeitamento aos canons impostos pola Sociedad General de Autores e Autores e propagar a necesidade dunha cultura libre e aberta.
Coincidindo co XVII Festival de Cerceda, Lucerna fai un chamamento a todos os que se acheguen este sábado até este evento para que acudan “caracterizados de temas relacionados coas creatives commons, o copyleft e as licenzas de bens creativos de uso común”.
O Komando Kabuxa, que xa protagonizou un vídeo previo, será o encargado de conducir o festival e de ler, arredor das 22 horas, o manifesto polo que Cerceda será declarado o primeiro municipio 100% libre da SGAE.