Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
65º aniversario da derrota da Alemaña nazi

EUA, Francia e RU desfilan por vez primeira en Rusia no Día da Vitoria

"A Segunda Guerra Mundial gañárona todos os pobos da antiga Unión Soviética e os países da coalición antihitleriana", declara o goberno ruso.

Redacción - 13:00 09/05/2010
Británicos, este domingo en Moscova

Británicos, este domingo en Moscova

Rusia celebrou este domingo o Día da Vitoria sobre a Alemaña nazi co tradicional desfile na Praza Vermella de Moscova, que neste 65º aniversario contou coa presenza -por vez primeira na historia- das potencias aliadas, Estados Unidos, Francia e Reino Unido. Ademais, participaron soldados doutro membro da OTAN, Polonia, e dalgunhas ex repúblicas da URSS.

Na tribuna de honra, ademais dos dirixentes rusos, había numerosos xefes de Estado e de Goberno estranxeiros. Xunto ao primeiro ministro, Vladimir Putin, destacaba a presenza da chanceleresa alemá, Angela Merkel, e do presidente chinés, Hu Jintao.

Dmitri Medvédev, presidente de Rusia e comandante en xefe supremo das Forzas Armadas, evitou facer referencia á "Alemaña fascista", como se fai habitualmente en Rusia, e aludiu simplemente aos termos "nazismo" e "fascismo". A presenza de Merkel, que hoxe dirixe o país que en 1941 atacou a URSS, puido condicionar o seu discurso.

No en van, o Goberno ruso mostrou este sábado a súa satisfacción pola "aproximación dos antigos inimigos e adversarios en Europa" para superar "o tráxico pasado común". Un triunfo "común de todos os que comparten os ideais da democracia e liberdade" para o que a URSS realizou unha "contribución esencial". "A Segunda Guerra Mundial gañárona todos os pobos da antiga Unión Soviética e os países da coalición antihitleriana", afirmaron.

9 de maio en Rusia, día 8 aínda en Alemaña
Pola Praza Vermella marcharon 11.335 soldados e oficiais (dez mil destes, rusos), 159 tanques e 130 avións e helicópteros de combate, entre outros elementos de armamento como lanzadeiras de mísiles.

O motivo de que Rusia, a diferenza de Occidente, celebre a vitoria da II Guerra Mundial o día 9 e non o 8 débese a que a Alemaña nazi asinou a capitulación ás 22:43 minutos, hora local, cando en Rusia, dúas horas máis tarde, xa comezara o día 9 de maio.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: