A asociación Amigos de Uxío Novoneyra homenaxea este domingo ao poeta, chuvia mediante, e co rexeitamento da Xunta a pagar a instalación dun pequeno palco.
Novoneyra, no Courel
Varios centos de persoas participan este domingo na homenaxe-camiñada a Uxío Novoneyra no Courel, que organiza a asociación Amigos de Uxío Novoneyra coa colaboración de diversos colectivos. Entre estes, os alumnos do colexio de Seoane do Courel, a familia do poeta, asociacións cívicas da comarca, o Concello ou a Deputación de Lugo.
A chuvia, contemplan desde a organización, pode condicionar os diversos actos previstos que de ser forte de máis serían trasladados ao Colexio da Ferrería de Seoane. As inclemencias do tempo non son a única traba que afronta a homenaxe. Desde a asociación critican que a Xunta “rexeitou pagar a instalación dun pequeno palco alegando falta de fondos”.
Ás 11.00 horas dará comezo a camiñada desde a Ferrería con destino a Parada (lugar natal do poeta), un percorrido de tres quilómetros. A chegada calcúlase para as 13.00 horas e inclúe paradas para recitar poemas de Novoneyra e outras actuacións.
Será a partir desa hora que comece o acto de homenaxe, xunto a casa natal do poeta, coa intervención de músicos e cantautores e as achegas do público. As 15.00 horas, unha ofrenda floral por parte dun grupo de escolares do Courel porá punto e final á xornada.