Fixo pública unha aproximación facial elaborada pola unidade de antropoloxia forense a partir dos restos óseos.
Por primeira vez, a Xunta solicita a colaboración cidadá para identificar un home cuxos restos apareceron o pasado día de nadal en Outeiro-Santa María Alta. A novidade é que a imaxe é unha aproximación facial elaborada pola unidade de Antropoloxía Forense do instituto IMELGA, de Verín, a partir do estudo dos restos óseos.
Segundo as conclusións do equipo, o cadáver pertencía a un varón de idade media, arredor dos 40 anos, cunha marcada asimetría no nariz e con empastes metálicos nos molares superiores. O retrato pretende facerse unha idea de como podería ser o home falecido para que calquera persoa que o recoñeza se poña en contacto coa Policía española de Lugo, preguntando pola Policía Científica.
Segundo informa o Goberno, a unidade, con sede en Verín, é pioneira no Estado Español na aplicación de técnicas forenses de aproximación facial. A imaxe elaborada baséase nun estudo antropolóxico-forense complementeado co traballo dunha artista forense que colabora coa Unidade de Antropoloxía Forense.