Benjamin Biolay actúa o domingo no Auditorio de Galicia, de entre as ducias de actuacións musicais dos próximos días.
Esta fin de semana, a principal actuación de nivel internacional que se poderá ver no país é a do cantautor francés Benjamin Biolay que, dentro do ciclo Sons da Diversidade, estará o domingo á noite no Auditorio de Galicia, en Compostela. Pero a axenda preséntase, coma sempre, pragada de citas con diferentes estilos musicais, que deixarán satisfeitas todas as preferencias.
Comezando polo venres 7, o dúo formado por Tony Lomba e Elio Dos Santos achegarán a súa peculiar proposta á Sala Karma de Pontevedra. Esa mesma noite, no Badulake de Ordes actuarán os Novedades Carminha e Agoraphobia. Amaro Ferreiro tocará no Auditorio da Xuventude de Cambados, mentres que no Patachim, na Coruña, Lucía Aldao e María Lado parciparán no acto poético-musical Contamos contigo. A cantante Julia León interpretará música sefardí no Auditorio de Vilagarcía.
Por outra banda, Linda Guilala e Pastillas Mamut tocarán na Doble Moral de Lugo, Rey Mugre en Pontedeume, The Jackelberrys en Vigo, Estado de Sitio no Liceum do Porriño, Dj Amable no Mondo Club vigués, Zenttric e Efecto Pygmalion en Le Club da Coruña e McManus no Café Cultural Auriense, en Ourense.
Xa o sábado, Esquíos presentarán o seu Galician Carraxe on Garaxe na sala Farándula, de Vigo. Na mesma cidade, no Mondo Club estarán The Posies. Na Fábrica de Chocolate, cita con Rock City Morgue. Completa a oferta en Vigo Why Go, na Contrabajo.
Tamén o día oito, o grupo de rap SFDK actúa na Sala Capitol, en Compostela, con The Louk de abreconcertos. A Banda Potemkin, Cromatica Pistona e Funk'n Bastards tocan na Festa 13-14 en Salceda de Caselas. En Arzúa estarán Nemetos, Lethal Chains, Empezar de Zero, Primitive e Avante, mentres que Bytheface chegará a Ferreira do Valadouro.
No resto das cidades, Nocheni e Druidas estarán en Pontevedra, na Sala Karma, mentres que na Sugar & Salt actuará Zenttric. En Ferrol, na Run Rum, Dollsquad, e en Le Club da Coruña, Stereotipos. Por último, Nova Galega de Danza ofrecerá o seu espectáculo Tradicción no Auditorio Municipal de Cangas.
O domingo, Son de Seu estarán no Teatro Principal de Pontevedra e Dollsquad na Aturuxo de Bueu.