Confírmase a vitoria conservadora en número de votos e escanos, mais sen maioría absoluta. Resultados desiguais para nacionalistas de Escocia, Gales e Irlanda do Norte.
O reconto comezou de madrugada
O Partido Conservador británico confírmase como o vencedor dos comicios celebrados esta quinta feira, tanto en número de votos, como en escanos, unha vez superado o ecuador do reconto, aínda que, segundo apuntaba a enquisa que durante a noite electoral serviu como referencia, o Parlamento resultante deste 6 de maio carecerá de maiorías absolutas.
A situación, inédita no Reino Unido desde 1974, abre paso a un escenario de negociacións no que o primeiro ministro, Gordon Brown, pode cumprir un papel fundamental. Aínda que os laboristas perderon o control da Cámara dos Comúns que ostentaban desde hai 13 anos, a falta de hexemonías autorízao a intentar formar un Goberno que el mesmo se comprometeu a garantir.
Pola súa banda, os liberaldemócratas confirman unha tendencia decepcionante ao respecto das expectativas creadas durante a campaña. Aínda que poden ser clave para a formación dun hipotético Goberno de coalición que, polo momento, ninguén se atreve a desbotar, os de Nick Clegg poderían ver minguada a súa representación até en oito escanos, con respecto aos 61 con que contaba.
Escocia
Cómpre salientar que Gordon Brown rexistrou as súas mellores cifras nos 27 anos que leva como deputado pola circunscrición escocesa de Cathair Chaladainn (Kirkcaldy, en inglés). De feito, os mellores resultados dos laboristas déronse, precisamente, en Escocia.
En Alba, o SNP vai camiño de conseguir o seu mellor resultado en Westminster en máis de 30 anos, segundo asegurou o líder dos nacionalistas escoceses e primeiro ministro, Alex Salmond, a BBC Scotland.
Gales
Tamén para a canle pública británica, neste caso BBC Wales, falou o líder do Plaid Cymru, Ieuan Wyn Jones, que admitiu o fracaso do seu partido na consecución do avance importante ao que aspiraban nestas eleccións xerais.
Os nacionalistas galeses, neste senso, fallaron en favor dos laboristas en circunscricións clave como Ynys Mon e Llanelli e dos liberal demócratas en Ceredigion.
Irlanda do Norte
Pola súa banda, o presidente do Sinn Féin, Gerry Adams, conseguiu manter o seu escano polo distrito de West Belfast, en Béal Feirste, capital do Ulster. Adams obtivo 22.840 votos por 5.261 do tamén nacionalista irlandés Alex Attwood, do SDLP e 2.436 do nacionalista británico William Humphrey do DUP.
En declaración aos medios, Gerry Adams sinalou que a renovación de mandato é "de futuro, de construír a paz e a igualdade, de crear postos de traballo. Mais éo tamén de construír unidade entre Orange (unionistas) e Green (republicanos)".
Cornualla
Os resultados foron ben diferentes para os nacionalistas en Kernow, onde non conseguiron representante ningún. As cinco circunscricións deste condado con arelas de maior autonomía repartíronse entre conservadores (tres) e liberais (dúas). O resultado na circunscrición de St. Ives (Porth Ia, en córnico) non se coñecerá até que se inclúan os votos das Enesek Syllan (Scilly Islands, en inglés).
Máis información