Así o agoiran desde a colectividade emigrante galega en Europa e América, que prepara mobilizacións diante da dirección que toma o debate.
"Estase creando un ambiente hostil e desfavorábel cara á emigración, facendo que mesmo xente que descoñece o tema se manifeste en contra deste colectivo". Sublíñano nun comunicado o conxunto de centros galegos en Suíza en expresión do que é unha "preocupación" crecente entre os galegos do exterior ao respecto da dirección do debate sobre a reforma electoral. Un estado de opinión no país que, entenden, está axudando a desenvolver a "lixeireza" coa que estarían tratando o asunto "altos cargos dos nosos gobernos, partidos políticos e medios de comunicación".
Para a colectividade emigrante é necesario que a cidadanía tome consciencia dos "valores cívicos, económicos e de toda índole" que os residentes no exterior achegan "á nosa terra". Unha realidade que, insisten, "nos prestixia a nós e ao noso país". Nunha carta enviada ao presidente da Xunta, os voceiros da emigración en terra helvética afirman lamentar que se esqueza que as asociacións e centros galegos no exterior "sempre foron firmes no seu compromiso" de cooperación coas institucións e de defensa da identidade e cultura galega no mundo. "Lamentamos e consideramos un desaire irreflexivo o tratamento por parte dos partidos e representantes políticos do noso país, que queren desvirtuar e borrar a nosa identidade", advirten.
E despois do voto que?
"A supresión do voto é un primeiro paso", agoira Manuel Suárez, colaborador de Vieiros e profundo coñecedor da realidade emigrante. "(...) porque xa me diredes que se hai coitelo para un dereito constitucional o que non farán cando haxa que investir en axudas sociais", escribía no seu recente artigo 'O baúl arxentino da tía María'.
A emigración galega en Suíza proxecta novos xestos de protesta logo da reunión realizada a pasada fin de semana en Berna onde se acordou a misiva agora enviada ao Goberno. Unha xuntanza que coincidía con mobilizacións tamén da outra beira do atlántico, en Montevideo e Bos Aires, onde a embaixada xa recibiu comunicación tamén da indignación entre os galegos da posíbel supresión do dereito a voto. As accións volverán coincidir na véspera do Día das Letras, para cando a diáspora galega en Europa e América, a través de redes como a Federación de Asociacións Galegas en Arxentina prepara mobilizacións en contra desa reforma electoral. A medio prazo, e toda vez que a reforma en curso que as formacións políticas debaten no Congreso entre en vigor, cavilan acudir ao Tribunal Constitucional en amparo contra a supresión do voto emigrante.
Depuración de CERA e voto en urna, compromisos incumpridos
A finais de 2009, e coincidindo coa xuntanza do Pleno do Consello de Comunidades Galegas, celebrado na capital uruguaia, un dos relatorios elaborado por expertos e membros dos centros galegos no exterior chamaba xa a atención sobre a dirección que tomaba o debate, advertindo de que as verdadeiras prioridades, longamente incumpridas polas administracións, deberan estar claras: a depuración do Censo de Residentes Ausentes (CERA) e o voto en urna. "A festa da democracia ten que ser a festividade de todos e depositar o voto, de xeito persoal, na urna de votación, é a expresión máxima dos nosos dereitos políticos", afirma o documento asinado polo pleno das comunidades galegas.
Na súa reflexión Emigración galega, sempre con maiúscula, recorda Suárez o "erro" da supresión da consellaría de Emigración e advirte de que "imos camiño tamén de quedar sen o dereito ao voto e sen a Fundación Galicia Emigración". "Hai que empurrar e alentar para que os parlamentarios sexan seituradores e non gadañeiros", subliña.