Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O Maio comeza tenso nas rúas do país heleno

"Sacrificio ou catástrofe" teima o primeiro ministro grego no medio das protestas cidadás

O plan de austeridade do goberno en Grecia abre a billa de UE e FMI para a inxección en tres anos de axudas por valor de entre 100 e 120 mil millóns de euros.

Redacción - 18:15 02/05/2010
Tags: FMI Grecia UE

"Estes sacrificios darannos espazo para respirar e o tempo necesario para realizar grandes cambios". Subliñábao o primeiro ministro grego, George Papandreu, ao respecto do que definiu de "paquete de medidas de apoio sen precedentes para un esforzo sen precedentes do pobo grego".

O ministro de Finanzas do país, Iorgos Papaconstantinu, debullou á súa vez as características do plan de austeridade que o executivo heleno porá en marcha e co que prevé o aforro de 30 mil millóns de euros para levar o déficit público desde o actual 13,6% por baixo da barreira do 3%. Implicará un esforzo fiscal equivalente a 11 puntos do PIB até 2013 e forma parte do programa de austeridade acordado co Fondo Monetario Internacional (FMI) e a Unión Europea (UE). Entre as medidas están o incremento de impostos (por exemplo o IVE chimpará ao 23%), recorte de salarios a funcionarios, redución de pensións a xubilados ou conxelación de contratacións públicas. Medidas cualificadas de "inxustas" desde as forzas sindicais.

Un abano que abrandará a inxección en Grecia de fondos de axuda durante os próximos tres anos. Cantidades aínda non definidas con exactitude pero que segundo informacións chegadas do contorno da xuntanza extraordinaria dos ministros de Finanzas da zona euro podería situarse entre os 100 e os 120 mil millóns de euros os próximos tres anos.

Mentres, a pé de rúa, as autoridades gregas botaron man esta fin de semana e coincidindo coas mobilizacións do Día Internacional dos Traballadores, dos antidisturbios diante das protestas cidadás logo de que grupos de manifestantes expresasen o seu descontento, entre outros, con ataques a sucursais bancarias.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: