Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
5º aniversario

Enfornando ghits!

Sete pezas desembarcaron xa na nosa caixa de correo. En breve 'Radio A Polo Ghit2010'.

Redacción - 10:00 02/05/2010

Aquí están as primeiras propostas. Creatividade a cachón desembarcando na caixa de correo apologhit@vieiros.com para refrescar as primeiras calores da primavera musical. O verán está á porta, e iniciamos a procura de ghits. Paixón, orixinalidade, humor e moito talento asolagan xa o certame.

Queres saber quen foron os primeiros? Os estradenses Esquíos, coa peza 'Berto Habichuelo', os máis madrugadores candidatos a ghit. A continuación, desde as mariñas coruñesas, o cantautor Paris Joel agasallounos coa composición 'Máis non'. E de ben perto axitan os nosos oídos ao ritmo de 'A voda de Feijoo': son Los Santos. De seguido, chegou a 'Quimbumbia' dos Ulträqäns; 'A marajota', de O tren da unha show; 'Dá tanto', de NºLºS e 'Coruña, rabuña', de Amilenko.

En breve e en 'Radio A Polo Ghit2010', poderalos escoitar a todos. Mentres, recordamos as bases e seguimos agardando pezas:

1.Poderán participar no concurso grupos ou solistas de todo o mundo, con cancións gravadas de creación propia que teñan a letra en galego. As cancións serán de tema libre pero valorarase que vaian orientadas a ser un ghit estival.


2.As pezas deberán cumprir un mínimo de calidade musical e acústica. No que lle toca á calidade contamos coa vosa creatividade. Para a cousa técnica, pedímosvos que as gravacións se presenten ao concurso ou ben nun CD audio ou ben nun arquivo de son en formato MP3 cun bitrate mínimo de 256 kbps. Opcional e recomendábel é o envío dun vídeo coa gravación do tema, xa que en principio temos en proxecto a posibilidade de facermos algo especial nese formato que, de callar, vos anunciaremos no seu momento.


Os participantes tamén deberedes enviar un pequeno texto describindo o tema, a letra e especificando os intérpretes que participan na canción. E unha última cousiña: unha imaxe, do propio grupo ou solista, que caviledes representativa.


3.A peza debe enviarse á sede de Vieiros, e recordámosvos que temos novo enderezo postal: Rúa de San Pedro, 94 - 15703 Santiago de Compostela. Tamén poderán enviarse por correo electrónico a apologhit@vieiros.com. O prazo para recibir cancións está aberto desde xa mesmo e a data límite para facernos chegar as pezas será o 25 de xuño.


4.As cancións participantes iranse publicando na web do concurso por orde de chegada e terán ampla difusión na portada de Vieiros. Os participantes ceden as súas obras baixo licenza Creative Commons que permite a libre descarga, copia e distribución na rede e as obras derivadas, reservándose o dereito comercial.


5.Na anterior edición, os nosos informáticos vixiaron ao máximo o control da votación dos internautas para que non houbese irregularidades. Mais hai que recoñecelo, non hai sistema infalíbel. Por ese motivo, e respondendo ás vosas queixas e suxestións, mudamos o sistema de elección dos finalistas.


A votación dos internautas servirá para escoller o que chamaremos "ghit da semana". Cada semana poñeranse os contadores de votos a cero e ao cabo de sete días, destacaremos o ghit máis votado. Isto será independente da elección do gañador final, que nesta ocasión será escollido en exclusiva polo xurado.


6.O xurado estará formado por un conxunto de persoeiros de recoñecido prestixio no eido musical galego. Logo de que o 25 de xuño remate o prazo de recepción de temas tócalle xa que logo ao xurado iniciar as deliberacións. Escollerán cinco finalistas e destes, un gañador final: o ghit do verán 2010. O 9 de xullo Vieiros anunciara a decisión do xurado.


7.O premio fundamental de 'A Polo Ghit' cremos que é común e compartido por todos os grupos: A participación nunha iniciativa que serve para promocionar a actividade e a creatividade das bandas e solistas do país. Alentar a promoción dos músicos galegos o máximo posíbel é o que nos move. Así e todo, non descartamos que poida haber a maiores outro tipo de premio, nomeadamente algunha forma de concerto colectivo. De daren froito as xestións iniciadas ao respecto, será anunciado no seu momento.


8.A web oficial do 'A Polo Ghit 2010' estará operativa desde comezo de maio. As situacións non previstas nestas bases serán resoltas coa máxima axilidade posíbel pola organización de A Polo Ghit. Os concursantes, coa súa participación, comprométense a aceptar estas bases.


5/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: