Fedea publicou un informe que asegura que pechar webs para evitar compartir arquivos só favorece as discográficas e os artistas máis influíntes da SGAE.
Un estudo elaborado pola Federación de Estudos de Economía Aplicada (Fedea), contradí os argumentos que apoian as leis contra as descargas na internet. O informe defende que a industria do ocio non está ameazada polo intercambio de arquivos.
Así, entre os datos que achega o estudo, saliéntase que os ingresos producidos pola música no Estado Español foron practicamente os mesmos en 2005 ca en 2008. O que mudou foi o xeito de difusión, cun aumento dos concertos ao vivo fronte á venda de discos. Así, case 23,5 millóns de persoas asistiron a eventos musicais. Ademais, as vendas dixitais multiplicáronse por 11 nese mesmo período, e as descargas a móbiles pasaron de 5 a 18,5 millóns nun lustro.
Segundo explicou un dos responsábeis do estudo, o catedrático da Universidade de Washington Michele Boldrin, a Lei de Economía Sustentábel só favorece as discográficas e os 600 artistas que cobran da SGAE á custa dos usuarios e dos pequenos artistas, aínda que a lei "debería defender os intereses dos consumidores", polo que afirmou que o goberno español "estalles a facer o traballo suxo ás discográficas".
O informe de Fedea propón que o goberno español cree un marco legal que favoreza o desenvolvemento dun mercado competitivo de distribución dixital da música e que os dereitos de autor se limiten a dous ou tres anos, tempo dabondo para que un artista obteña beneficios polo seu traballo, que despois poderá ampliar mediante concertos ou venda de produtos.
Ademais, apunta que o peche de webs é un xeito pouco eficaz socialmente de protexer os dereitos das obras e que non fomenta a creatividade. Demostra que o "pirateo non foi destrutivo", pois "entre 2004 e 2008 o número de compositores e de obras musicais multiplicouse por dous". Como exemplo de éxito na venda dixital puxo iTunes, onde o prezo é o bastante razoábel como para favorecer tanto os clientes como a empresa.
Creadores funcionarios, segundo a SGAE
Mentres, o presidente da SGAE, Eduardo Bautista, defendeu a lei contra as descargas para "aliñarse co resto dos países da Unión Europea" e definiu a proposta do goberno español como "amábel", fronte á británica, "moito máis restritiva". Defendeu que os consumidores acepten "que vivimos nunha economía de mercado garantida pola Constitución, na que as cousas teñen un prezo" e que se se quere que a cultura sexa de balde "haberá que incluír os creadores nas nóminas do Estado como o resto dos funcionarios".
Denunciar a Google
Entre tanto, unha nova plataforma cidadá, autodenominada Libertad 2.0, anunciou que denunciará a Google por ser "a compañía máis pirata do mundo", ao ofrecer millóns de ligazóns a material protexido polos dereitos de autor. Deste xeito, poñerá en evidencia a 'Lei Sinde' no caso de que se aprobe, pois enfrontarse ao xigante estadounidense vai supoñer un "reto" para o goberno español.
A plataforma está promovida polas asociacións Foro Liberal, Asociación para la Defensa de las Libertades y Derechos Civiles, Club Liberal Español, La Rosa Blanca, Hazte Oír, Cuba en Transición, Profesionales por la Ética, Coruña Liberal, Foro Aragón Liberal e Convivencia Cívica Catalana.