Un dos principais xornais irlandeses, The Irish Times, fala do “formidábel talento narrativo” do escritor galego.
Se hai pouco máis dun mes o prestixioso xornal inglés The Independent falaba de “novela excepcional escrita por un autor excepcional” para referirse á obra 'Os libros arden mal' de Manuel Rivas, agora é The Irish Times (un dos grandes medios de Irlanda) o que non aforra gabanzas á hora de describir o mesmo libro (á venda en inglés dende hai pouco máis de mes e medio).
Alison Ribeiro de Menezes, profesora do University College de Dublín, fixo unha ampla reseña do libro no xornal irlandés. A crítico, que define a Rivas como “unha das voces literarias máis importantes que xurdiron en Galiza”, cre que a novela do coruñés é unha confirmación do seu “formidábel talento narrativo” que xa quedara patente en obras como 'O lapis do carpinteiro'.
Ribeiro de Menezes fai fincapé en que Rivas “escribe mellor no seu galego natal ca en español. Ademais da súa carreira literaria, é un reputado xornalista, ensaísta e ecoloxista”. A este respecto, a crítica lembra a implicación do novelista nas protestas sociais logo da marea negra do 'Prestige'.