A convocatoria Plataforma contra a Privatización expresou o descontento dos concellos e da veciñanza contra o proxecto do hospital de Monte Carrasco.
Cartaz da manifestación
Miles de persoas manifestáronse o venres ao serán en Pontevedra contra o proxecto de novo hospital en Monte Carrasco, no que se demostra a aposta da Xunta pola privatización da sanidade. A convocatoria, organizada pola Plataforma contra a Privatización, levou como lemas "Por un hospital único e público. Contra a privatización da sanidade" e "Onde están os 100 millóns de Montecelo. A sanidade non é un negocio".
A manifestación, que partiu ás 20 horas da Praza da Ferraría, estivo encabezada polos alcaldes de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e de Marín, Francisco Veiga, xunto cos doutros concellos da área sanitaria de Pontevedra. Tamén estiveron presentes parlamentarios do PSdeG e do BNG, como Modesto Pose e Bieito Lobeira, ademais do portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez.
Manuel Martín, voceiro da plataforma, afirmou que o proxecto de Monte Carrasco é unha "manobra do PP" que lle atribuíu ao presidente local do partido en Pontevedra, Telmo Martín, para utilizar a sanidade pública "no beneficio político particular". Considerou un "dispendio" gastar 1.400 millóns de euros nun novo hospital podendo desenvolver un proxecto por 141 millóns polas mesmas prestacións. "A sanidade pública de Pontevedra está en perigo", concluíu.
O parlamentario socialista Modesto Pose acusou a Sanidade de mentir sobre a situación dos hospitais e reclamoulle que "rectifique e recoñeza a verdade". Guillerme Vázquez denunciou a postura "caprichosa" da Xunta e a súa intención de facer un "pelotazo" coa construción do novo hospital. Na mesma liña, Fernández Lores alertou dunha mudanza do modelo sanitario "camiño da privatización parcial dos servizos non clínicos".
A convocatoria da Plataforma contra a Privatización explicou que a Xunta non ten diñeiro para ampliar Montecelo, mentres lle "regala" a un consorcio de bancos e aseguradoras a xestión dun novo centro por 20 anos, "que custará seis veces máis". Denuncia que o modelo privado xa está desacreditado por experiencias anteriores, como a posta en marcha por Margaret Thatcher no Reino Unido, ou o que está a acontecer en Madrid, con carencias de persoal e de camas. Por iso, a plataforma denuncia que "privatizar a sanidade é o primeiro paso para instaurar o copago: pagará máis quen máis enfermo estea".