Cando a animalada do 11-S moitos americanos facían a pregunta máis terrible: “por que nos odian tanto?” Veume isto á cabeza polo da “campaña”. Medios católicos e bispos falan de que, ao fío do escándalo dos abusos sexuais, está desenvolvéndose unha “campaña difamatoria de corte anticlerical”.
Hai un lixeiro desenfoque. Hai que ter unha “funda-mental”, que diría Pepe Chao, para non ter ben asumido que dous mil anos de “variada” historia da Igrexa dan abondo argumentos para anticlericalismos de todas as colores e intensidades. Madía leva co descubrimento!
A cuestión non é esa. A cuestión é se, despois da crítica e da sospeita dos dous últimos séculos, da ilustración, da modernidade e da postmodernidade, de crítica histórica, da crítica bíblica, da renovación teolóxica, do movemento obreiro, de Auschwitz, de Darwin e Teilhard, do nacionalcatolicismo, do Vaticano II, Medellín e Romero de América.... a Igrexa xerárquica era quen de facer o cambio que debía, deixar de dar os argumentos que tanto odio, penumbra, culpa, crearon e dar outros máis relacionados cun tal Xesús, lixeiramente encuberto e esquecido.
Pero non. En celofán televisivo veu un inverno polaco co seu martelo alemán. Wojtyla e Ratzinger. Frío, escurantismo e represión.Volta á endogamia cultural, á penumbra dunha Igrexa sen ventilación. Desde Pío X non se lembraba tanta persecución: o redentorista Bernhard Häring (1912-1998), renovador da moral católica; o dominico Edward Schillebeeckx (1914-2009) inspirador do catecismo holandés; Hans Küng, catedrático de Tubinga, ex-asesor de Xoán XXIII; o moralista americano Charles Curran; os teólogos da liberación como Leonardo Boff, e as comunidades de base; as novas teólogas: Lavinia Byrne, Ivone Gebara, Teresa Berger; os asiáticos que abrían vías de encontro coa espiritualidade oriental: Tissa Balasuriya, de Sri Lanka; Jacques Dupuis. Benjamín Forcano, Castillo, mesmo Queiruga baixo sospeita, etc. Unha nómina de marca.
Esa é a cuestión. Porque, pola beira de acolá, polo lado escuro, todo foron bondades: cos lefevbristas, cos da misa en latín, co Opus, cos “legionarios de Cristo” (tan introducidos no goberno Aznar e fundados, por certo, por Marcial Maciel, reputado abusador de menores).
Ese dereitismo escurantista secuestrou en beneficio propio a imaxe pública da Igrexa e do “cura católico” e quen comparte agora a sospeita e o ataque social é moito crego de base, bo e xeneroso, o mesmo que antes sufriu a sospeita, control e o desleixo dos novos inquisidores.