Ademais do festival de Queremos Galego o sábado en Pontevedra, haberá máis dunha ducia de actuacións por todo o país.
A axenda musical desta fin de semana está marcada polo festival que Queremos Galego organiza en Pontevedra. 'Música contra o decretazo' comezará ás 19:30 horas do sábado no recinto feiral da cidade. Actuarán, por esta orde, Zurrumalla, Fía na Roca, Fuxan os Ventos, Espido, García MC, RuxeRuxe, Uxía, Berrogüetto, Luar na Lubre, A Quenlla, Os Carunchos, Os Tres Trebóns e Lamatumbá. Pódese obter información sobre como conseguir billetes na web de Queremos Galego.
Pero entre o venres e o domingo hai máis actuacións ao longo do país. O venres as citas son: na Coruña, Franc3s e Telephones Rouges actúan en Le Club, e Mequetrefe na Mardi Gras. Na cidade de Lugo estarán, na Clavicémbalo, Jerez-Texas. No Porriño presentarase JingHang Man e, no Bar Liceum, La Brocha Squad e Yslem Hijo del Desierto.
En Redondela está prevista a actuación de Skakeo, Mexa por Dentro e Empezar de Zero, mentres que na Sala Karma de Pontevedra anúnciase o concerto de Niño y Pistola. Rey Mugre ten unha cita en Pontedeume, mentres que no Mondo Club de Vigo estará en cartel Anni B. Sweet, e en Tui Nocheni.
O sábado 17 multiplícanse os concertos. Na cidade viguesa recala Nocheni, desta volta no Hangar 77. No Mondo Club estará Aqua Nebula Oscillator. Tony Lomba e Elio dos Santos tocarán na sala Clandestino, en Nigrán, mentres que Jerez-Texas irá ao Liceum do Porriño. Na sala Karma, de Pontevedra, tocará Norton, e na Clavicémbalo, de Lugo, Serrano-Lechner.
Na Coruña, en Le Club, estarán Los Válvulas e Black Cherry Burlesque. A cita no TNT de Compostela é con Amenaza de Muerte e Xtress. En Ferrol, Siete Puertas toca no Run Rum. Fecha a axenda desta fin de semana, o domingo na sala Aturuxo de Bueu Fátima Baña.