R. N. - 13:00 16/04/2010
"É un premio que está honrado pola xente á que xa lle foi concedido durante todos estes anos, grandes persoeiros con traxectorias que fan máis grande a satisfacción de que nesta ocasión o escollan a un mesmo", conta Camilo Nogueira para Vieiros logo de facerse público que lle será outorgado o premio Pedrón de Ouro 2010. Nogueira expresa tamén a súa ledicia polo outorgamento dun premio que recoñece un longo traballo feito conxugando diversas áreas de pensamento e implicación en problemáticas políticas, sociais e culturais. Á vez, subliña o alento que este tipo de recoñecementos supoñen para seguir o traballo nestes campos: "É moito o traballo por facer", afirma para Vieiros, reiterando que se sente altamente "agradecido e honrado" polo galardón concedido.
Colaborador habitual de Vieiros, poden consultar os seus artigos no seu espazo Lugar dos Romanzinhos.
Doutra banda, aproveitamos tamén para falar brevemente co sociólogo Fermín Bouza, a quen o padroado da Fundación Pedrón de Ouro escolleu para o Pedrón de Honra 2010 "pola súa traxectoria e pola defensa irredutíbel da lingua galega desde todas as tribunas públicas nas que participa".
"Iso de irredutíbel soa a Astérix", chancea Bouza en conversa telefónica desde o seu despacho na Universidade Complutense, subliñando en calquera caso que "agora e sempre" a lingua merece ese compromiso "irredutíbel". "Se cadra teño esa cousa que ás veces nos abrolla aos galegos que andamos polo mundo de sermos un chisco máis radicais en posicionamentos á hora de levantar a voz sobre algunhas cousas", reflexiona, "e desde logo a lingua galega meréceo, porque a situación é extremadamente grave tal e como esta recente enquisa do IGE indica".
Diante desa situación, teima Fermín Bouza en que hai que "actuar" de xeito urxente pero facelo "con intelixencia". Debulla Bouza que a batalla actual ao fío do decreto do ensino é importante pero é "no fondo unha batalla burocrática e só unha parte do necesario". "Hai que poñer en marcha plans de recuperación ben pensados, e despregar estratexias novas para a batalla da volta da sociedade ao galego", propón, ao tempo que admite que probablemente "aínda non temos claro agora mesmo como poñer en valor recursos máis eficientes a prol da lingua", mais amósase optimista e subliña o seu propio compromiso na reflexión o debate e a procura de novas vías para pular en favor da lingua. "Síntome moi honrado por este premio, porque é unha mostra de atención, respecto e cariño e á fin na vida a todos nos presta un agarimo", conclúe.
Fermín Bouza mantén a bitácora O voto con botas, onde poden seguir as súas reflexións ao fío da actualidade.
O acto de entrega do Pedrón de Ouro e Pedrón de Honra terá lugar o próximo 23 de maio nun acto literario que se celebrará na Casa Museo de Rosalía, en Padrón, ás 12,30 horas, no que actuará de mantedor o catedrático de Historia Contemporánea da USC, Xusto Beramendi.
Achegámoslles a semblanza biográfica elaborada pola Fundación do Pedrón de Ouro arredor de cada un dos persoeiros homenaxeados:
CAMILO NOGUEIRA
Camilo Nogueira Román (Vigo, 1936), é membro das xeracións galegas de posguerra nacidas entre 1930 e 1940, comprometidas co seu desgaleguizado país nos tempos mouros da ditadura franquista.
Depois de facer o bachalerato no Instituto Santa Irene, estudou na Escola Industrial de Vigo, Enxeñaria Industrial en Bilbao e Madrid e Ciencias Económicas en Santiago. Desde 1964 exerceu como responsable de fabricación na factoría Citroën. Foi despedido no 1972 por solidarizarse cos traballadores nas folgas daquel ano. Entre 1973 e 1997 traballou como director de promoción industrial en SODIGA.
Sendo moi novo empezou a participar nas plataformas culturais creadas polas mozas e mozos da posguerra. Formou parte de Galicia Socialista e realizou unha intensa actividade dentro do nacionalismo galego, participando activamente na creación de grupos culturais, políticos e sindicais.
Desde 1964 e durante catro anos presidiu a Asociación Cultural de Vigo que xunto coa coruñesa "O Facho", promoveron e difundiron os populares letreiros "Falemos galego" e "Galego na escola". No mesmo terreo reivindicativo e normalizador, a asociación que presidía logrou a inclusión do galego por primeira vez na radio, concretamente no programa "Raíz e Tempo", que se mantivo en antena de 1966 a 1970.
Na Transición participou na redación das Bases Constitucioais para un Pacto Federal do Consello de Forzas Politicas e foi membro da Comisión dos 16 creada para redactar o primeiro proxecto de Estatuto de Autonomía de Galicia. Entre 1981 e 1993 foi Deputado no Parlamento de Galicia por Esquerda Galega e PSG-Esquerda Galega e de 1997 a 1999 polo BNG. Na primeiras lexislaturas presentou Proposicións de Lei que darían lugar a textos legais como a Lei de Normalización Lingüística, a Lei de Símbolos, Lei do Valedor do Pobo e a lei de uso do galego na Administración Local. Foi deputado do Parlamento Europeo de 1999 a 2004, realizando un intenso labor de defensa dos dereitos nacionais de Galicia e dos problemas da súa economía, sendo membro da Comisión Constitucional e participando en accións internacionais, sinaladamente contra a guerra de Iraq e as opresións de Palestina ou Chechenia e nos Foros Sociais Mundiais desde 2001. No Parlamento Europeo foi Presidente do Intergrupo de Nacións sen Estado.
É autor dunha numerosa obra ensaística, na que salientan os temas relacionados coa economía e a industrialización de Galicia, sobre o movemento nacional e sobre a historia de Galiza. A súa vella inquedanza da investigación histórica viuna plasmada na publicación de libros co obxectivo, en boa medida, de contrarrestar a historiografía existente dominada pola visión centralista. Como escritor participou na autoría de A Galiza na Encrucillada e O poder industrial en Galicia e foi autor de Población y Desarrollo Económico; A memoria da nación. O Reino de Gallaecia; A Terra Cantada; Galiza na Unión. A porta atlántica; e Europa. O continente pensado. Esta última publicación foi distinguida no ano 2008 cos premios Losada Diéguez e da Crítica-Galicia no apartado de investigación.
FERMÍN BOUZA
Detrás da figura de Fermín Bouza Álvarez, catedrático de Socioloxía (Opinión Pública) na Universidade Complutense de Madrid, hai un longo percorrido, como activista político, ensaísta de fondo, narrador e poeta. Bouza Álvarez, ademais, ten publicado numerosos artigos de opinión á parte daqueles relativos á súa especialidade. Iso sen contar as moitas conferencias que leva ditadas e a súa participación en debates radiados ou televisados. Todo isto configuraría de seu a personalidade poliédrica deste autor santiagués (de 1946), senón que falta engadirlle o seu papel como promotor do blog “El voto con botas”, defensa irredutible da lingua galega.
Con efecto, nestes momentos en que os ventos sopran acedos, cando non violentos, para o noso idioma, Fermín Bouza ten collido o touro polos cornos, e desde o español (o seu blog ten clientela en todo o ámbito estatal) leva adiante un posicionamento belixerante pero razoado a prol do galego. A audiencia do blog de Bouza Álvarez é moi ampla e non é difícil deducir das súas intervencións como o espírito combatente e rigoroso de Fermín vai callando nela. Tamén entre non galegos, que desta maneira dan entendido o por que dunha realidade. É, por tanto, de salientar, a actitude comprometida de quen podendo optar por componendas ou silencios, escolle o camiño pouco doado de loitar pola nosa principal herdanza común.
Ademais, Fermín Bouza tamén cultiva a literatura e en lingua galega é autor de dúas novelas Memoria do Diaño (1980), Longo voo de paxaro (1987) e dous poemarios O tempo na auga (1985) e Labirinto de inverno (1990).