Xosé Manuel Beiras, Martxelo Otamendi, Xosé Manuel Pereiro ou Pilar García Negro pasarán por tres facultades da USC.
Os Comités Abertos de Facultade organizan a vindeira semana unhas xornadas formativas sobre economía, xornalismo, lingua e movementos sociais que terán lugar nas facultades de Económicas e Empresariais, Filoloxía e Ciencias da Comunicación da USC.
A primeira das actividades terá lugar o luns 19 na facultade de Económicas. Relatores como Xosé Manuel Beiras ou Xavier Vence falarán de temas económicos. O día seguinte, en Ciencias da Comunicación, Martxelo Otamendi, Miguel Anxo Murado e Xosé Manuel Pereiro, entre outros, tratarán sobre o mundo do xornalismo e do audiovisual.
As xornadas organizadas polos comités continúan o mércores 21 en Filoloxía, con convidados como Pilar García Negro e Francisco Rodríguez, que falarán arredor da lingua e do proceso de creación da literatura galega. Fecha o ciclo, o xoves 22, outra volta en Económicas e Empresariais, un debate sobre os movementos sociais, tales como o feminismo, o movemento estudantil ou a sociedade de América Latina.