Mentres o derrube segue ameazando o estaleiro tradicional de Bueu, diferentes colectivos suman apoios para a súa recuperación e rehabilitación.
A construción de embarcacións en Galiza foi, até hai ben poucos anos, unha actividade artesanal, enchoupada da máis profunda sabedoría popular. Porén, a introdución dos novos materiais, como o poliéster e a aprobación de normativas que promovían o seu emprego, déronlle o golpe de morte á carpintería de ribeira. Ao tempo que noutras vilas do Morrazo desaparecían os pequenos estaleiros que se amoreaban na costa, en Bueu o estaleiro da Banda do Río, coñecido como o de Purro, resistiu, mal que ben, ás mudanzas de materiais e ao abandono dun saber tradicional lendario en aras dun pretendido progreso mal entendido.
Antecedentes
Porén, nos últimos anos, a ameaza planeou constantemente sobre a súa conservación. En 2005, un acordo plenario dá o visto bo ao derrube do serradoiro anexo (coñecido como o serradoiro de Freire) e do estaleiro de Purro, a única resposta que atopou o goberno (daquela socialista) contra o lamentábel estado no que xa se atopaba a edificación, lonxe de apostar pola súa restauración. Fortaleceuse entón a resposta veciñal en contra da demolición, liderada pola Asociación Os Galos, quen defende a rehabilitación da carpintería e propón darlle un uso como parte do Museo Massó, como taller-obradoiro artesanal de reparación e construción de embarcacións tradicionais e como aula de formación en carpintería.
Con posicionamentos a favor e en contra (fundamentalmente dalgúns colectivos veciñais e do PPdeG máis interesado en enlousar a zona para facela parte do paseo marítimo) foi pasando o tempo até que, sorprendentemente, Costas avalou o derribo do estaleiro da Banda do Río. A polémica entre os que defenden a súa desaparición definitiva e quen promove a súa rehabilitación como sinal de identidade de cultura mariñeira que define a Bueu continuou nestes últimos cinco anos, con mudanzas nos gobernos municipais e galego incluídas.
Agora, á espera de Patrimonio
A día de hoxe o futuro do estaleiro de Purro depende dun informe que ten que emitir a Consellería de Cultura e a súa Dirección Xeral de Patrimonio. O servizo provincial de Costas afirmou que abandonaría as súa pretensión de derrubar as instalacións sempre que a Xunta declarase a carpintería de interese patrimonial e etnográfico.
En función desta resolución, as vías que se abren son tres. A primeira sería que Cultura desestime a petición e, polo tanto, a posíbel demolición (exixida por colectivos como a Asociación de Veciños Santa Efigenia) gañaría posicións, á espera da actuación do actual grupo de goberno municipal, liderado polo BNG. A segunda, que a Xunta inventaríe como ben a protexer o estaleiro e se proceda a rehabilitación da súa parte máis antiga, de comezos de século, iniciativa á que é máis próximo o posicionamento do grupo de goberno.
E a terceira sería unha aposta pola recuperación íntegra da carpintería, da parte antiga e daquela na que se comezaron a facer as embarcacións a motor. Esta última é a defendida pola Asociación Os Galos, segundo explica a Vieiros o seu voceiro Suso Framil, ademais doutros colectivos de Bueu como Mozos e Mozas de Beluso, Liboreiro, Troula na Banda, Meiro, Anduxía, As Lagoas, O Progreso de Beluso ou Cabanouro.
A maiores, outras entidades prestaron o seu apoio á iniciativa, como a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (FGCMF) ou a Asociación Galega de Carpintería de Ribeira (Agalcari). Asemade, o Museo Massó tamén remitiu un informe a Cultura para que o estaleiro sexa protexido como elemento patrimonial e propuxo que as instalacións pasen a ser unha parte máis do museo no que expor embarcacións tradicionais e reflectir a súa evolución, dende as dornas e traíñas até o barco de motor.
A rehabilitación ou derrube da carpintería está a xerar un grande debate entre os veciños de Bueu e cada vez son máis os que defenden a súa conservación. Así se demostra na rede social facebook, cun grupo, “Salvemos o estaleiro”, que xa suma 530 seareiros que defende “que se conserve a historia de Bueu como vila mariñeira”. De concretarse, explica Framil, a de Bueu podería ser “a primeira carpintería de ribeira musealizada en Galiza”.