Os expertos citados por medios e axencias internacionais destacan o seu "alto nivel de democracia" malia a división étnica interna e a ser o país máis pobre de Asia Central.
A saída de Bakiyev culmina a revolta
Quirguicistán, país de 5,5 millóns de habitantes que fai fronteira con China, Takhiquistán e Usbequistán, é o país máis pobre de Asia Central. Porén, este dato non impide que sexa considerado polos expertos citados por medios e axencias internacionais como un dos que goza dun máis "alto nivel de democracia" na zona.
Desde o colapso da URSS, en 1991, é un país independente que require das importacións para cubrir as súas necesidades enerxéticas. De feito, unha das principais causas das protestas desta semana ten que ver co rápido e elevado medre dos prezos da electricidade e dos combustíbeis empregados para os sistemas de calefacción.
Ademais, tamén sofre a división étnica que provocou estalidos de violencia puntuais. Arredor do 70% da poboación é quirguiz, mentres que un 15% é usbeca (moitos refuxiados dos combates de 2005 en Andijan, Usbequistán) e concéntrase no sur do país. Precisamente é nesta zona onde as tensións entre as dúas comunidade pola propiedade da terra son máis frecuentes, informa a BBC.
2005 foi tamén o ano en que se produciu unha revolta popular, xurdida a partir das denuncias de intervencionismo do goberno nas eleccións ao Parlamento e alimentada pola pobreza, a corrupción e as medidas antidemocráticas e contra os dereitos civís.
Como consecuencia, Askar Akayev, presidente quirguiz desde a independencia, foi deposto. Substituíuno o até esta cuarta feira máximo mandatario do país, Kurmanbek Bakiyev, que durante os seus mandatos non foi quen de recuperar por completo a credibilidade con que contaban as institucións do país até 1991.
Clave na rivalidade EUA-Rusia en Asia Central
Mais posibelmente o que chama máis a atención da República Quirguiz é que conta con bases militares tanto de Rusia -arredor dun 9% da poboación é rusa- como dos EUA. O país é clave para as dúas potencias no control de Asia Central. Especialmente para a segunda, dentro da súa campaña por conter o avance das guerrillas islamistas.
Os estadounidenses estabeleceron unha base aérea en 2001, perto da capital Bishkek, para dar cobertura ás operacións militares en Afganistán. Bakiyev ameazou con a pechar en outubro de 2008 logo de acordar un préstamo económico co Kremlin.
Finalmente, botouse atrás cando a Casa Branca aceptou pagar o triplo do que abonaban anualmente polo seu arrendamento. Semanas máis tarde, Quirguicistán aceptou que Rusia abrise unha segunda base militar -aínda sen facer- co que se pretendía un equilibrio de forzas entre potencias. Estes alugueres son unha importante fonte de ingresos.
Foreign Policy destaca que a violencia das revoltas da última semana, malia ir en aumento nos últimos tempos, colleu por sorpresa a todo o mundo. Membros no exilio consultados pola publicación estadounidense culpan o goberno.
Ademais, analistas especializados desbotan que se estea ante unha "revolución de cor", tan do gusto dos países occidentais, mentres que outros se preguntan como é que a Administración Obama non viu ou non quixo ver o que viña acontecendo nos últimos meses.