Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
15 aniversario de Ponte nas Ondas

O patrimonio cultural galego-portugués, oportunidade para a Eurorrexión

O congreso internacional 'Pontes de Cultura, Pontes de Futuro', converterá Vigo na capital do patrimonio inmaterial os días 23 e 24 de abril.

Redacción - 08:00 09/04/2010

Cúmprense este ano quince anos de actividade a pé das escolas do colectivo Ponte nas Ondas, e aproveitando o aniversario, especialistas de varios países foron convidados ao congreso internacional 'Pontes de Cultura, Pontes de Futuro', que terá lugar no Verbum, en Vigo, os días 23 e 24 de abril, e concluirá o 25 de abril do outro lado do Miño, en Melgaço. E a potencialidade do patrimonio cultural inmaterial galego-portugués como motor da Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal será xustamente un dos eixos sobre os que reflexionen os expertos aló reunidos.

Para a conferencia inaugural está confirmada a asistencia do xornalista Manuel Campo Vidal, quen analizará a importancia da comunicación na educación. Campo Vidal ten advertido anteriormente sobre as eivas dun sistema educativo que forma máis receptores que emisores e, ao fío, destacado a importancia de introducir na escola do século XXI actividades e iniciativas que fomenten a formación de persoas que saiban comunicar no contexto da sociedade da información. Unha liña de pensamento que xustamente é a defendida e potenciada por Ponte nas Ondas nas escolas da Eurorrexión, a través da experiencia de comunicación protagonizada polo alumnado e na que se integran tanto a produción audiovisual como as TICs e o patrimonio cultural.

Entre outros, participarán tamén o profesor da USC Antón Costa Rico, quen contextualizará o papel de Ponte…nas ondas! na historia da educación; a antropóloga canadense Sharon Roseman, quen destacará o papel fundamental do patrimonio común galego-portugués para o futuro da Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal, tema que tamén será tratado por antropólogos galegos e portugueses. Ademais, o mundo da radio e das TICs será analizado por profesionais de diferentes medios como Iñaki Peña de RNE-Radio 3. A presentación do traballo literario-discográfico Cores do Atlántico, promovido por Ponte…nas ondas! chegará da man da profesora holandesa da Universidade de Poitiers, Ria Lemaire e da artista brasileira Socorro Lira. O congreso pecharase co Concerto “PONTES NO ATLÂNTICO” con Socorro Lira, Joao Afonso e Uxía, o 25 de abril na vila de Melgaço.

O período de inscrición está aínda aberto e prevese a asistencia de alumnado universitario e profesorado de Galiza e do Norte de Portugal. As Universidades de Vigo e Santiago recoñecen a actividade con un crédito de libre configuración e para o profesorado galego e portugués está recoñecido como actividade de formación con 21 horas de formación.


5/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: