Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
Deseño sustentábel

Se quere ser verde, mellor use outra cor

As tintas industriais desa tonalidade son as máis tóxicas e contaminantes, malia seren usadas para identificar produtos ecolóxicos.

Redacción - 11:55 08/04/2010
As tintas verdes son perigosas para a saúde e para o ambiente

As tintas verdes son perigosas para a saúde e para o ambiente

A identificación da cor verde coa ecoloxía levou a que o mundo do deseño e do márketing empregase ese colorante nos produtos supostamente respectuosos co ambiente. Mais esa tinta é unha das máis contaminantes e tóxicas, nas súas diferentes variantes.

Segundo un artigo do New York Times, o químico alemán Michael Braungart afirma que "a cor verde nunca pode ser verde, polo xeito en que se fabrica". Así, o experto, autor de libros sobre deseño sustentábel, afirma que os pigmentos verdes contaminan e fan que o produto tinguido sexa imposíbel de reciclar de xeito seguro. Entre os produtos necesarios para estabilizar a cor verde están o cloro, o bromo, o cobalto, o titanio, o níquel ou o óxido de zinc.

O problema dos colorantes verdes, mesmo de orixe natural, é que, co paso do tempo, acaban volvéndose azuis. Nos séculos XVIII e XIX as pinturas desa cor eran aínda máis perigosas cás actuais: estaban fabricadas con arsénico, con consecuencias fatais para as persoas que convivían con obxectos pintados de verde. De feito, hai historiadores que cren que a morte de Napoleón Bonaparte se puido deber ao arsénico do verde da súa cela en Santa Helena.

A relación case inconsciente do verde co natural ou sustentábel data de arredor de 1970, aínda que dende sempre foi a cor da natureza por antonomasia. Porén, vai resultar realmente máis ecolóxico non usar esas tintas nos produtos que pretenden ser sustentábeis.


5/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: