Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
AUGMENTED FILMS

Un proxecto tecnolóxico galego, seleccionado para un premio do Mercado de Cannes

A Navalla Suíza concorre á mellor experiencia de vídeo en liña de nova xeración cunha aplicación de realidade aumentada enfocada aos lugares de rodaxe de filmes.

Redacción - 19:30 06/04/2010

Un proxecto da empresa galega A Navalla Suíza foi seleccionado como finalista do certame Content 360º na categoría Experiencia de vídeo en liña de nova xeración que selecciona o National Firm Board de Canadá. A candidatura galega, que concorrerá o 14 de abril en Cannes no marco do MIPTV, denomínase Canadian Augmented Films, e pretende levar a realidade aumentada e o xeoposicionamento á experiencia de consumir cine.

O proxecto da Navalla Suíza, empresa especializada en comunicación dixital, é unha aplicación para móbiles e para web que permite que a xente relacione os filmes coa súa vida real. Así, achega a experiencia cinematográfica coas actividades diarias e os lugares que se visitan, achegando información sobre os filmes que se rodaron neses locais. Conecta, así, o cinema co mundo real, creando implicación emocional e novos públicos.

Augmented Films compite cos proxectos da compañía londiniense Collective e da norteamericana IdeaCloud nun acto en que os finalistas de cada categoría deberán defender a súa idea perante o público e dun xurado formado por expertos de todo o mundo. O gañador asinará un contrato co National Film Board para desenvolver o proxecto escollido.

A Navalla Suíza é unha empresa de comunicación dixital creada en Compostela en 2008 e formada por Berto Yáñez, Xabier Cid, Óscar Otero, Álvaro Gómez e María Yáñez. Entre os seus traballos destaca Flocos TV, o cineclub do audiovisual galego, que ofrece máis de 350 filmes feitos no país e conta con máis de 1.800 usuarios.


5/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: