No último Xuventude Galiza Net, tanto a web interna como os avisos da organización e os anuncios nas pantallas estaban só en castelán, denuncia Galiza Nova.
Feijoo, na súa visita ao XGN
"A Dirección Xeral de Xuventude fixo unha demostración de improvisación, descoordinación e profundo desprezo cara á lingua galega". Son palabras da secretaria xeral de Galiza Nova, Iria Aboi, que este luns denunciou a "exclusión do galego" do último Xuventude Galiza Net e a "coacción" que viviron algúns dos seus participantes.
"Os participantes dispuxeron da páxina web interna en versión exclusivamente en castelán, así como os anuncios realizados nas pantallas das instalacións e os avisos da organización, nos que non se utilizou a lingua propia de Galiza", criticou a máxima responsábel das mocidades do BNG.
Aínda máis grave foi a situación vivida nos momentos previos á visita realizada polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo. Segundo Galiza Nova, houbo presións por parte da organización para que varios mozos retirasen autocolantes e bandeiriñas de Queremos Galego que tiñan nos seus computadores.
"Retirad la bandera que va a venir el presidente y va a haber prensa" foron algunhas das frases da organización dirixidas cara aos asistentes. "A Dirección Xeral de Xuventude participa da estratexia do PP dende que chegou á Xunta, hai un ano, por eliminar o galego, especialmente das actividades dirixidas á xente nova", sinalou Aboi, que exixiu explicacións e desculpas.
"Desorganización, improvisación"
Ademais desta situación arredor da lingua, para Galiza Nova, a organización do evento deste ano oi moi deficitaria. Por exemplo, critican que se confirmase a súa celebración con tan só un mes de antelación. Houbo tamén, din, irregularidades nos sorteos e nos concursos. E, sobre todo, a desaparición do asesoramento sobre software libre, especialmente en galego (Galinux).