Coa convocatoria de oposicións inminente e cun 45% do persoal con contratos temporais, a conflitividade entre o persoal é notoria.
A menos dun mes de que se faga pública a Oferta de Emprego Público (OPE) da Compañía de Radio Televisión de Galiza (CRTVG) prevista para este abril e que convocará 220 prazas de persoal fixo, a fractura social entre traballadores é evidente. Manifestacións polas rúas de Compostela, comunicados denunciando despedimentos encubertos ou o propio debate sobre a suposta manipulación dos programas informativos a prol do PPdeG deixan a piques da explosión unha bomba laboral, xa de por si activa pola alta temporalidade do cadro de persoal (o 45%). Falamos sobre estes temas con Santiago Alvite, presidente do Comité Interempresas, que xunta a representación sindical da radio e da televisión.
Vieiros: Con 443 traballadores contratados nunha empresa pública como a CRTVG, como asume o Comité que só se convoquen 220 prazas?
Primeiro hai que aclarar que estas prazas afectan unicamente a San Marcos e non ás delegacións provinciais, onde haberá que seguir un procedemento distinto, atendendo ás sentenzas do Tribunal Supremo que avalan aos traballadores que denunciaron por cesión ilegal (até o de agora 37 sentenzas firmes confiren a categoría de traballadores indefinidos aos denunciantes e quedan por resolver máis de 60 que, previsibelmente, seguirán o mesmo camiño).
Na actualidade, en San Marcos hai un total de 443 contratos temporais. Deles, 154 non son consolidábeis (contratos de substitucións de baixas por enfermidades, licenzas ou suspensións de contratos, en prácticas ou de revecemento de xubilacións parciais). Dos 289 contratos restantes (ben de interinidade en vacante de OPE, ben de obra ou servizo), 220 son os que se consolidarían coas oposicións. Quedaríannos outros 69 contratos, que son os que a empresa relaciona con programas non permanentes na grella da televisión e da radio e que, polo tanto, non son estruturais da empresa e permanecerán mentres ese determinado programa se manteña.
Internamente a convocatoria de oposicións é criticada por levar canda si despedimentos encubertos. Que responde o Comité?
Iso non é o que acordamos -O Comité Interempresas está composto por 13 representantes (catro da CIG, catro de UXT, tres de USO e dous de CCOO)- e non é máis que unha falsidade. O principal conflito aquí é o modelo de acceso ao posto de traballo: estes traballadores apoiados pola CUT defenden un sistema de consolidación, algo que é humanamente entendíbel, mais non legal.
Entendemos que aquelas persoas que levan 18 anos traballando na CRTVG consideren inxusto que unhas oposicións públicas os poidan deixar fóra da Compañía, pero as sentenzas, a Constitución e o Estatuto Básico do Empregado Público estabelecen que o acceso a estes postos de traballo teñen que respectar as exixencias de igualdade, capacidade e mérito. Ademais, para evitar precisamente estes problemas estabeleceuse para os contratados unha serie de condicións moi favorábeis, como a valoración do tempo traballado na Compañía, para a que se fixou o tope que permite a propia Lei de Función Pública: 2,86 puntos.
Precisamente, a crítica que se pode facer dende fóra é que nestas oposicións aqueles xornalistas que non conten xa con antecedentes na CRTVG non terán case opcións...
Iso tampouco é exactamente así. Se ben é certo que se computará a experiencia, como é lóxico, calquera persoa pode acreditar a mesma capacidade nas probas que se estabelezan. É aí onde radica o problema, que en 18 anos os traballadores contratados pola CRTVG non tiveron ocasión de acceder a praza de traballo que están a desenvolver, mais o que garante a legalidade de todo o proceso é precisamente que haxa esa igualdade de oportunidades, que poidan concorrer todos aqueles que o desexen acreditando os seus méritos e capacidades.
Cal é a solución para esta fractura social que se percibe entre os traballadores da CRTVG?
Non podemos obviar que esta conflitividade é interesada. O PPdeG estivo bloqueando durante anos as oposicións na CRTVG e prometendo cousas que agora non pode cumprir. Están a alimentar un conflito e instrumentalizando a unha parte dos traballadores desta casa en contra do Comité co único obxectivo de debilitarnos. Se queren facer un concurso de méritos, en troques da OPE e en contra da legalidade, que o digan e que o fagan xa que o PPdeG ten a maioría para lexislar e para mudar o procedemento se o considera oportuno. En canto se convoquen as oposicións, acábase o conflito, mais parece que non interesa rematar con el.
Logo de 18 anos sen convocatoria pública e con acusacións políticas reiteradas, Cal é a responsabilidade dos sindicatos? Os sindicatos tamén teñen a súa responsabilidade, evidentemente, e dela terán que responder os responsábeis de todos estes anos. Mais hai que ter en conta que temos a forza que nos dan os traballadores e cando unha boa parte da programación estaba externalizada tiñamos menos capacidade. Está claro que uns teñen máis responsabilidade ca outros e eu non podo responder de máis do que se fixo no presente. Teño que dicir que nestes anos houbo avances, aprendemos da experiencia e non vamos permitir que suceda o que xa sucedeu no pasado. A proba son as denuncias que temos en marcha, como a referida ao do programa radiofónico A Tarde, que se resolverá por vía xudicial, entre moitas outras.
Outra das críticas que reciben a televisión e a radio públicas é a da manipulación informativa. Até que punto esta situación se ve condicionada pola situación de precariedade laboral en moitos casos e de conflitividade interna?
Non hai dúbida de que a precariedade laboral xoga a favor da manipulación informativa, porque os traballadores son máis débiles, mais o tema da imparcialidade ten que ver máis co sistema de medios públicos co que contamos. Mentres non mudemos este modelo, seguirá habendo certa manipulación. A reforma da lei é unha promesa e unha materia pendente do Goberno e cando se estabelezan medios de control interno e externo que garantan a autonomía e o carácter de servizo público da CRTVG, entón, xa non teremos que falar de imparcialidade nin de manipulación.