Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Carlos Calviño, presidente da Aula Castelao

"A filosofía permítenos ser profundos nas análises e radicais nas consecuencias"

A XXVII Semana Galega de Filosofía, que comezou este luns en Pontevedra, procura espertar "a capacidade crítica da cidadanía" ante o "capitalismo feroz".

Fernando Arrizado - 17:45 05/04/2010

Filosofía e Economía é o lema elixido para a XXVII edición da Semana Galega de Filosofía, inaugurada este luns e que se desenvolve até o vindeiro venres en Pontevedra. Encárgase da súa coordinación Carlos Calviño, presidente da Aula Castelao, entidade organizadora do evento.

"Todos os anos procuramos elixir un tema importante e de actualidade, que afecte a sociedade galega", comenta ao respecto da temática elixida, que "xa se barallou na última edición" aínda que finalmente se decantaran pola educación e a lingua no ensino.

A Aula Castelao -explica Calviño- denuncia o "capitalismo feroz"; defende "o público sobre o privado"; e quere espertar "os medios adormecidos" e "a capacidade crítica da cidadanía", que está a ver afectados os seus empregos, mais tamén a súa "forma de pensar". E todo isto sumado á deterioración do Planeta, engade.

Joaquín Sempere, Michael Löwy ou Jacques Bidet son algúns dos autores que van ofrecer a súa visión estes días. Economía e política: as historias ficticias do liberalismo da profesora da UNED Paz Moreno Feliu foi a ponencia con que se inaugurou o ciclo. Xa pola tarde, estaban previstas as intervencións de Xavier Vence, A crise do neoliberalismo en Galiza, e da sindicalista Pye Jakobsson, Viver na sobra da verdade: trabalhadores do sexo na Suécia.

"De que nos serve a filosofía hoxe en día?" O presidente e coordinador da Aula Castelao non o dubida: "permítenos ser profundos nas análises e radicais nas consecuencias". Mais no ensino redúcense as horas lectivas. "Nós apostamos por un maior peso da cultura: da música, da arte, e tamén da ciencia, da que é crítica, no da que se enfoca só á tecnoloxía fácil e de consumo".

Manifesto en defensa do galego

Trala a inauguración das xornadas por parte do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; o vicerreitor de universidade de Vigo, Xesús Hernández; o presidente do colexio de avogados, Eloy Artime; e o representante de Caixanova, Antonio Gómez, deuse lectura a un manifesto en defensa do galego (.pdf / 92 KB) elaborado pola Aula Castelao.

"É unha das bases constituíntes da Aula. Non comprendemos que teñan un problema con algo que nos é propio, que nos define. Están utilizando a lingua de xeito interesado. O galego é de todos, non un arma arreboladiza", sostén Calviño, ao respecto do novo decreto do galego no ensino.


4,37/5 (19 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: