Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Queixa ao Ministerio de Fomento

A Mesa urxe á corrección de 115 sinais viarios que exclúen o galego

Ademais de indicadores que non figuran na lingua propia de Galiza, tamén rexistraron 20 sinais con topónimos deturpados.

Redacción - 13:05 04/04/2010
Un dos exemplos citados pola Mesa

Un dos exemplos citados pola Mesa

O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, dirixiuse ao ministro de Fomento, Xosé Blanco, para o urxir a que se corrixan un total de 115 indicadores viarios que exclúen a lingua galega.

Callón lembra no escrito que “a lexislación estatal sinala desde comezos dos anos 80 que non se pode excluír o idioma propio destas sinalizacións, mais en Galiza esta norma continúase a vulnerar, o cal é unha irregularidade que non debería permitirse por máis tempo”.

Os sinais pertencen á autovía A-6, á autoestrada A-9, así como á N-VI e á N-634. Porén, desde a Mesa matizan que “a relación que presentamos só é unha pequena parte da exclusión do galego nas sinalizacións das estradas”.

Ademais de indicadores que non figuran en galego, como Por su seguridad, control de velocidad ou Arroyo, desde A Mesa tamén rexistraron 20 sinais con topónimos deturpados, como *San Mamed, *La Porteliña e *La Coruña.

"Impensábel en Cataluña"
“Estamos ante unha situación de desleixo e abandono que sería impensábel noutros territorios do Estado con lingua propia diferente do castelán, como por exemplo Cataluña”, apunta Callón.

Ademais de ao ministro, a organización tamén remitiu a súa queixa ao Defensor e ao Valedor do Pobo, á Secretaría Xeral de Política Lingüística, á Oficina de Linguas Oficiais, ao Departamento de Calidade dos Servizos Públicos e ao secretario de Estado de Planificación e Infraestruturas.


5/5 (12 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: