Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Freo ao proceso de integración

Merkel afasta a Turquía da UE durante a súa visita ao país

A chanceleresa alemá insiste en que o mellor modelo de relación de Turquía coa Unión Europea é a través da condición de "socio privilexiado".

Redacción - 09:00 30/03/2010

O pasado verán cumpríase medio século desde a primeira petición oficial que un goberno turco realizaba nas daquela primeiras institucións europeas para tratar de formar parte do proceso que a día de hoxe conforma a Unión Europea. "O noso país non vai tolerar máis tempo perdido e atrasos", advertía Egemen Bagis, coordinador das relacións de Turquía
coa Unión Europea, coincidindo con ese aniversario. "Aprendemos leccións de erros do pasado, cumprimos coas nosas responsabilidades e o obxectivo de sermos membros da UE debera ser acadado o máis axiña posíbel", afirmaba.

Mais aínda que teoricamente a negociación está aberta e hai un calendario a curto prazo con esixencias concretas a Turquía nese camiño, a realidade indica que moitas portas están de momento pechadas para o país na UE. Así se desprende tamén das declaracións da chanceleresa alemá, Angela Merkel, durante o seu primeiro día de visita oficial a Turquía. Merkel opinou unha vez máis a súa convicción de que Turquía non debe formar parte da UE e subliñou a súa proposta de que a relación se estabeleza a través do que xa ten cualificado de estatus de "socio privilexiado". Unhas declaracións que causaron fondo malestar no executivo turco, segundo relata a BBC. Merkel tamén insistiu na necesidade de que Turquía recoñeza a Chipre, estado membro da UE.

Outra fonte de conflito foi a reclamación por parte do primeiro ministro turco, Tayyip Erdogan, da creación dunha rede de ensino da lingua turca en Alemaña, onde se considera que viven 2,5 millóns de cidadáns turcos. Unha iniciativa que xa foi freada polo goberno Merkel, que sinalou como prioridade para os inmigrantes turcos a aprendizaxe do alemán no proceso de integración.


4,43/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: