Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Abertos os contactos con caixas foráneas

A fin de semana de negociacións non destraba as cancelas á fusión

Desde o pasado venres e coa mediación da Xunta, representantes de Caixa Galicia e Caixanova teiman na incapacidade para atopar un punto de encontro.

Redacción - 09:00 29/03/2010
Tags: caixas

A día de hoxe as dúas caixas de aforro galegas manteñen abertas as conversas ao respecto da posibilidade dunha fusión. O debate acelerouse desde o pasado venres, día no que, de xeito especial, desde Caixa Galicia apremiaban a avanzar na negociación ou ben dala xa por pechada. A fin de semana remata sen novidades significativas ao respecto, coas dúas entidades atrincheiradas nas súas respectivas posicións.

Desde o contorno das entidades dan por feito que o contexto da negociación mudou logo do posicionamento do Banco de España na última semana, e que Caixanova está chamada a asumir un protagonismo maior na hipotética fusión que, desde o entorno político insisten en recomendar que se faga en términos "igualitarios". No marco dos contactos entre axentes sociais e grupos políticos, os asinantes do pacto 'Galicia ten dereito' (entre outros PPdeG, BNG, sindicatos e patronal), acordaran aprazar a reunión prevista para o pasado venres á volta da semana santa.

A tensión mantén o cruce de acusacións por parte dos representantes políticos. Para o conselleiro de Presidencia, Afonso Rueda, "o PSOE" é principal obstáculo a "unha gran caixa galega". Para Rueda os socialistas estarían demostrando "desprezo ao interese xeral e ao consenso político e social". "Só queren dominalas ou eliminalas", censura o dirixente do PP. Desde o PsdeG, o portavoz parlamentario Xaquín Fernández Leiceaga destacou que "a solvencia" debe ser o criterio fundamental á hora de atopar unha solución para as entidades financeiras e chamou a deixar que negocien entre elas sen presións.

O pesimismo é alto por parte dos representantes dos traballadores que agoiran que os intereses dos grupos de poder nas entidades primaran por enriba de todo. Desde o contorno sindical advirten de que o debate dos últimos días semella máis un forma de maquillaxe diante da opinión pública para tratar de transmitir que se espremeu a negociación até o último momento cando na práctica non habería ningún punto de encontro e estarían abertas as negociacións con caixas foráneas.


1/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: