Dende que entrase en funcionamento en 2007, a regasificadora botou 115 millóns de metros cúbicos de augas sobrantes.
A planta de Reganosa en Mugardos segue acumulando denuncias de colectivos veciñais e ecoloxistas. A última vén da man de Adega, quen acusa á regasificadora, participada nun 10% do seu capital pola Xunta de Galiza, de verquer un total de 115 millóns de metros cúbicos de augas residuais na Ría de Ferrol dende que entrase en funcionamento hai dous anos e medio.
Falta de control
A Consellaría de Medio Ambiente autorizou as verteduras de Reganosa, mais impúxolle varios condicionantes, entre elas a obrigatoriedade de que as concentracións de cloro residual non excedesen os valores de 0,1 mg/litro e de que a auga vertida non tivese unha variación de temperatura maior a seis graos centígrados. Porén, a planta carece aínda a día de hoxe dun sistema de medidores para controlar os parámetros definitorios destes vertidos.
A inexistencia destes controis, que foron exixidos pola Xunta para a medición do cloro residual e da temperatura, tanto á entrada do sistema de captación de auga como á saída das verteduras, xa foi sancionada cunha multa de nove mil euros, segundo recoñeceu a propia Administración a unha pregunta parlamentar do BNG.
Desleixo por parte da Xunta
Adega denuncia que a Xunta “segue a permitir a Reganosa incumprir as condicións de permiso de vertedura” e que a empresa “segue sen achegar os datos das medicións en continuo do cloro e da temperatura da auga”, unhas medicións que seguen a ser a única forma de valorar o cumprimento dos condicionantes da autorización.
En consecuencia, a Xunta só dispón de datos parciais correspondentes a 10 días de outubro, seis días de novembro e 12 días de decembro de 2009, xa que Reganosa, que si achegou os valores promedio, non o fixo coa frecuencia diaria que se lle exixía. Adega lamenta este desleixo por parte da Xunta, que permite á empresa “ocultar información” de capital importancia para a saúde da ría.