Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Acto municipal abortado en Ponteareas

Se non hai respecto pola memoria histórica, tampouco hai foto

A Asociación Memoria Histórica do 36 de Ponteareas boicotea unha homenaxe do Concello a Bouza Brey lembrando a lista de "desprezos" do goberno local á súa figura.

Redacción - 13:25 24/03/2010
Ponteareas, Casa do Concello

Ponteareas, Casa do Concello

O premio de investigación instituído polo Concello de Ponteareas en honor de Fermín Bouza Brey en 2001 leva agora catro anos sen convocarse. Polo medio permanece o agre conflito aberto polo goberno conservador local que, por exemplo, négalle o pago á última gañadora e xa batera cun dos gañadores anteriores, obstaculizando primeiro o seu labor investigador no arquivo municipal e evitando despois a colaboración na publicación do traballo.

Para a Asociación Memoria Histórica do 36 de Ponteareas, o goberno ponteareán é un claro exemplo dos obstáculos que en todo o Estado sofren moitos historiadores para investigar cuestións relacionadas co franquismo. É por este motivo que, ao saber da próxima celebración dun acto de homenaxe á figura de Fermín Bouza Brey o colectivo se puxo en contacto con seu fillo, Fermín Bouza Álvarez, para facerlle saber da situación e antecedentes e solicitarlle que non tomase parte nunha actividade convocada "por quen vén demostrando desprezo coa figura de seu pai". Segundo avanzan desde a asociación, o catedrático Fermín Bouza, en atención aos datos, decidiu non asistir ao acto.

Catro anos sen convocar o premio
Tal e como xa se fixo eco Vieiros anteriormente, a última gañadora do premio Fermín Bouza, a profesora e historiadora María Victoria Martíns, da Universidade de Vigo, leva case dous anos reclamando sen resposta o pago dos 1.500 euros fixados para o traballo gañador. Do mesmo xeito, o estudo, co título 'A Sección Feminina en Ponteareas, 1936-1955', sobre a actividade falanxista feminina, leva un ano retido polo Concello, que se nega a xestionar a súa publicación, malia o carácter pioneiro da investigación.

Xa anteriormente tivera problemas o gañador da terceira edición do premio de investigación, naquel caso Ángel Rodríguez Gallardo, co volume 'A represión franquista en Ponteareas, 193-1939', negándolle o goberno local a colaboración a Edicións do Castro para levar o libro ao prelo e mesmo rexeitando o alcalde prologalo. Ademais, láianse desde a asociación, o investigador sufriu durante o proceso de elaboración do traballo "todo tipo de dificultades para consultar os fondos documentais do arquivo ponteareán".

A asociación ponteareá estuda agora a presentación dunha demanda xudicial polos danos causados á investigadora María Victoria Martíns e por presunto delito contra a liberdade de expresión. Ademais, impulsará unha campaña de protesta baixo o lema "Paga, publica e convoca", a prol da recuperación do Premio de Investigación Fermín Bouza Brey, á vez que denunciarán as cancelas a investigadores galegos e españois que traballan sobre o franquismo.


5/5 (16 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: