Durante o terremoto de Sichuan de 2008, moitos afectados tiveron dificultades para seren entendidos polos servizos de urxencia.
China ten unhas 300 linguas e dialectos
A Comisión Estatal da Lingua, en China, anunciou a creación dunha base de datos de todas as linguas e dialectos do país, composta por gravacións e vídeos de persoas de diferentes etnias, que se elaborará durante 10 anos.
O obxectivo é protexer a riqueza lingüística, xa que "dialectos e linguas comúns a distintas culturas están a mudar axiña, e moitos están en perigo de extinción", destacou a institución.
Chinés mandarín, linguas e dialectos
O chinés mandarín é o único idioma oficial do país e o utilizado maioritariamente en centros educativos e medios de comunicación, mais moitas persoas non o dominan ou simplemente descoñéceno.
As autoridades distinguen entre os falantes de linguas ou dialectos chineses ou hans (por exemplo, cantonés, gan, hakka, min nan ou wu) e as minorías nacionais, falantes de linguas non chinesas (coreano, kazakho, mongol, tibetano ou yao, entre outras).
As primeiras poderían ser consideradas pola súa gran diferenza co mandarín como linguas independentes, mais a escritura de todas estas e a do idioma oficial é basicamente igual.
A base de datos, que xa comezou a ser gravada en 2008, recolle conversas sobre tradicións, música, cultura e historia local. A idea é que catro falantes de cada lingua ou dialecto -arredor de 300- sexan gravados durante unhas dúas horas cada un.
Terremoto de Sichuan
Desde a Comisión Estatal da Lingua destacouse que a base de datos, que recompilará unha mostra "xigantesca" de 10 mil comunidades do país, tamén pode ser útil no futuro, por exemplo, para unha mellor asistencia en caso de catástrofes naturais.
Durante o terremoto de Sichuan de 2008, moitos afectados tiveron dificultades para seren entendidos ben polos operadores dos teléfonos de urxencia, pondo en evidencia o gran descoñecemento por parte das autoridades das outras linguas e dialectos do Estado.