Este xoves dáse a coñecer unha nova firma que pretende compaxinar a edición impresa coa dixital e relacionarse cos lectores a través da rede.
Este xoves preséntase publicamente unha nova editorial: 2.0 Editora. A súa aspiración é converter o lector en protagonista, para o que aproveitará as posibilidades das novas tecnoloxías e das redes sociais. Segundo explicou a editora, Eva Rivas, as persoas lectoras están moitas veces "esquecidas" polas editoriais tradicionais, polo que o obxectivo de 2.0 será achegarse a elas, ofrecéndolles contidos atractivos, "para un público que pretende divertirse coa lectura".
No acto de presentación, o xoves ás 20 horas na Libraría Couceiro, en Compostela, daranse a coñecer os primeiros libros editados por 2.0 en dúas coleccións: Mundos, de narrativa, ofrece as traducións de Guía do autostopista galáctico, de Douglas Adams, e Sen novas de Gurb, de Eduardo Mendoza, ambos os dous relacionados coa ciencia-ficción. A outra proposta, Folcsonomías, dedicada ao ensaio, estréase c'Un idioma preciso, de Xusto Rodríguez Río.
Segundo explicou Rivas, 2.0 Editora ten a idea de "sacar adiante edicións dixitais e que a nosa web sirva de plataforma" para entrar en contacto co público, "na liña da web social". Pretende publicar contidos de diferentes materias de autores e editoriais que sintan a necesidade de achar distribución a través da rede, e mediante o tipo de licenza que escollan.
Despois dos seus tres primeiros lanzamentos, a editorial xa está a traballar en máis publicacións, "sobre todo traducións de autores coñecidos de literatura lixeira e atractiva", cubrindo un oco do que se está a facer no mundo editorial galego.
En calquera caso, a edición dixital ábrese como unha das grandes oportunidades para a nova editora, que comercializará os seus produtos a través da web ao tempo que nas librarías tradicionais.