O proxecto, impulsado polo obradoiro Seivane, o CTAG e a Universidade de Vigo, investigará novos materiais para mellorar a durabilidade e o son do instrumento.
A gaita galega está a ser obxecto dunha investigación a cargo do obradoiro Seivane, da Universidade de Vigo e do Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia (CTAG), co-financiado pola Xunta. O proxecto IDIGAITA pretende estudar que parámetros lles afectan aos materiais empregados para a construción do instrumento, que van perdendo propiedades co tempo.
A empresa Obradoiro de Gaitas Seivane, única de tradición familiar que levou o premio Innova do Ministerio de Industria, no ano 2006, impulsou o proxecto de I+D sobre a gaita, que conta co apoio do grupo de investigación Sonitum da universidade viguesa e mais do CTAG. O proxecto pretende seleccionar novos materiais e optimizar o deseño da fabricación das gaitas para mellorar o proceso, minimizar os problemas de mantemento do instrumento e mellorar as súas prestacións.
Así, analizaranse e seleccionaranse os materiais segundo as súas características físicas e acústicas comparando os seus rexistros cos das gaitas de fabricación tradicional. O programa tenta aplicarlle as posibilidades das novas tecnoloxías ao patrimonio cultural musical galego, evitando que a temperatura e a humidade vaian desgastando e desafinando un dos instrumentos máis sobranceiros da nosa cultura.
IDIGAITA aspira a atopar materiais que ofrezan unha boa calidade física e sonora. O CTAG probará eses novos compoñentes, mentres que Sonitum analizará de xeito obxectivo e subxectivo o son resultante. O obxectivo final é tanto reducir os problemas relacionados coa fabricación tradicional da gaita como e enriquecer ao máximo as súas posibilidades sonoras.