Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CÁUCASO

O día en que Rusia invadiu televisivamente Xeorxia

Unha canle xeorxiana tivo que pedir desculpas polo pánico que provocou ao difundir nun falso informativo que tanques rusos invadían o país.

Redacción - 11:35 15/03/2010

Xa van alá 72 anos dende que milleiros de estadounidenses saíran arrepiados das súas casas logo de oír na radio da CBS que os marcianos invadiran Nova Jersey. Poucos chegaron a escoitar que se trataba dunha adaptación radiofónica dirixida por Orson Welles baseada na novela A Guerra dos Mundos (The War of the Worlds) de H.G. Wells.

Agora, un episodio similar xerou unha grande polémica en Xeorxia. 18 meses despois de que os tanques rusos chegaran efectivamente a uns 40 quilómetros de Tiflis, a capital de Xeorxia, durante a breve guerra de agosto do 2008 polo control de Osetia do Sur, moitos xeorxianos pensaron na noite do sábado que a historia volvía repetirse. A canle privada de televisión Imedi TV emitiu unha falsa reportaxe na que anunciaba que o exército ruso tomara a cidade e que o presidente xeorxiano, Mijail Saakashvili, morrera.

Pánico e supostas tramas políticas
A noticia provocou escenas de pánico na república ex-soviética do Cáucaso. Os teléfonos colapsáronse e centos de persoas botáronse á rúa. Se ben a reportaxe foi introducida como unha simulación de posíbeis acontecementos, moitos xeorxianos non escoitaron esta advertencia. A canle de televisión xa tivo que pedir perdón polas consecuencias da súa retransmisión, aínda que subliñou que o seu obxectivo foi o de amosar o que considera “unha ameaza real”.

Este luns a polémica xa se converteu en cuestión de debate político. Mentres o presidente afirmou que a simulación estaba “moi preto do que realmente podería acontecer”, a oposición prorrusa considerou a falsa información unha montaxe urdida polo propio goberno para desprestixiala, cando apenas faltan dous meses para que se celebren as eleccións locais, nas que Saakashvili podería perder espazos de poder.


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: