A compañía baséase en que un xuíz bloqueou en 2007 o acceso a dous blogs aloxados en Blogger que promovían o boicot aos produtos cataláns.
O Estado Español forma parte da listaxe de gobernos que censuran a internet. Cando menos, isto foi o que expuxo a vicepresidenta de Google, Nicole Wong, perante o Congreso dos Estados Unidos, nunha vista oral sobre democracia, seguridade e liberdade de expresión na rede.
O motivo da inclusión do estado no grupo de "represores da liberdade" remóntase a 2007, cando un xulgado autorizara o bloqueo de dous blogs aloxados en Blogger -servizo adquirido por de Google- que chamaban a boicotear os produtos cataláns. Wong enumerou un grupo de 13 países que bloquearan YouTube e outro de sete que fixeran o propio con Blogger, "incluídos China, o Estado Español, a India, Paquistán, Irán, Birmania e Etiopía". A vicepresidenta e avogada da compañía xa fixera as mesmas afirmacións o pasado 2 de marzo, daquela perante o Senado dos EUA.
Un xuíz autorizou en 2007 o Ministerio de Industria a bloquear dende o Estado Español o acceso a nove blogs que promovían o boicot aos produtos cataláns, dous deles aloxados en Blogger. Amparouse na Lei de Servizos da Sociedade da Información e de Comercio Electrónico, que permite "restrinxir a prestación de servizos de internet" para "salvagardar a orde pública, a investigación penal e a seguridade pública", entre outras.