Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
Iniciativa do BNG

O Congreso apoia que se poidan conceder licenzas móbiles de ámbito galego

A medida permitirá aproveitar o espectro radioeléctrico de xeito efectivo para levar a banda larga ás áreas rurais.

Redacción - 11:36 11/03/2010

A Comisión de Industria do Congreso dos Deputados aprobou por unanimidade unha proposición non de lei do BNG que permitirá que se concedan licenzas de telefonía móbil e de internet sen fíos de ámbito galego. O autor da iniciativa, Francisco Jorquera, salientou que a aprobación "é fundamental para que por fin o medio rural galego teña acceso de calidade" á banda larga, "xa que a tecnoloxía sen fíos é a máis axeitada".

O deputado asegurou que "até agora as operadoras estatais incumpriron os seus compromiso de levar internet ao rural galego", como acontecera coa concesión de licenzas na banda de 3,5 xigahercios efectuada no ano 2000, "onde non puideron concursar operadoras de ámbito autonómico".

Segundo Jorquera, "os proxectos e as operadoras de carácter estatal acaban secundarizando, cando non excluíndo, o medio rural, os núcleos dispersos, como é o caso de Galiza", o que afonda a fenda dixital. Fronte a esta situación, subliñou que "Galiza ten operadores e empresas punteiras neste campo, con vocación de prestar servizo ao conxunto do noso territorio", e lembrou que a posibilidade de contar con frecuencias asignadas a comunidades autónomas "é legal, como xa ocorreu co cable e coa radio e a televisión dixital".

O texto da proposición especifica que se teñan en conta as peculiaridades xeográficas e demográficas das comunidades autónomas á hora de garantir a máxima cobertura, que se valore a posibilidade de que o uso das frecuencias se asigne por comunidades autónomas, que se lles exixa ás empresas adxudicatarias que fagan uso desas frecuencias e que executen os investimentos comprometidos, e que se valoren novas concesións de cobertura de banda larga móbil no rural coas frecuencias que queden libres coa desconexión da televisión analóxica.

Petición conxunta
Algo máis de 100 concellos rurais españois, a meirande parte deles de Castela e León, enviáronlle un escrito de protesta ao Ministerio de Industria para expresar o seu malestar pola mala calidade dos servizos de telecomunicacións nesas áreas, que contrastan coas ofertas que publicitan as operadores e mesmo lles ofrecen, enganosamente, os seus servizos de márketing. Na carta tamén lle piden ao ministro que garanta uns servizos de calidade e a prezos comparábeis aos da UE, o que tamén contribuirá a combater o despoboamento rural.


5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: