O sindicato nacionalista entregoulle o Premio Día da Clase Obreira Galega aos traballadores de Caramelo.
O líder da Confederación Intersindical Galega, Suso Seixo, aproveitou a entrega do Premio Día da Clase Obreira Galega para acusar aos dous principais sindicatos estatais (UXT e CC.OO) de facer seguidismo das teses da patronal e do goberno español. Seixo mostrou a súa sospeita de que os dous sindicatos poden acabar consensuando co executivo de Zapatero e co empresariado unha reforma laboral que “vai supor un recorte de dereitos laborais”. Diante disto, o secretario xeral da CIG anunciou que o seu sindicato “dentro das súas forzas, non vai baixar a cabeza”.
A CIG aproveitou a véspera do Día da Clase Obreira Galega para entregar os galardóns que levan este epígrage. Nesta ocasión, o sindicato nacionalista quixo recoñecer a loita sindical dos traballadores de Caramelo ao longo de 2009. Dous representantes do comité de empresa subiron á palestra para agradecer a distinción e dedicáronlla “ás 237 compañeiras e compañeiros que están na rúa”, situación da que culparon ao sindicato Comisións Obreiras polo seu posicionamento ao remate do conflito.
Tamén houbo un recoñecemento especial para un histórico do sindicalismo nacionalista, Alfonso Tellado, ex traballador de Bazán que participou nas mobilizacións ferroláns de 1972. O momento máis emotivo foi cando a CIG fixo un recordatorio de dous sindicalistas que finaron nos últimos meses: Xosé Díaz Pernas (ex secretario de Transporte en Lugo) e Fernando Pol (ex delegado en Atlántico Diario e Diario 16).