A CIG amosa a súa preocupación polo feito de que a nova entidade se converta nunha sorte de ETT e pola nula información que recibiu o persoal afectado.
A CIG mantivo unha xuntanza co secretario xeral da Consellaría de Economía e Industria para resolver dúbidas sobre o anteproxecto de lei de creación da Axencia Galega de Innovación. Froito da entrevista, a central sindical chegou á conclusión de que vai en contra do borrador da Lei de función pública, pois permitiralle á axencia contratar persoal mediante procesos selectivos alleos ao resto da Administración.
O sindicato considera que esta medida pode ter consecuencias negativas sobre as condicións de traballo dos empregados públicos, dado que darlles potestades en materia de persoal a estes entes permítelles fuxir do control do dereito administrativo, como xa ten acontecido. Tamén expresou a súa preocupación polo futuro do persoal funcionario e laboral da Dirección Xeral de I+D+i, cuxas competencias absorberá a nova axencia. Os traballadores xa amosaron o seu malestar polo mutismo co que se está a xestionar o proceso e polo feito de se teren que decatar pola prensa.
O secretario xeral explicou que a nova axencia asumirá, ademais das competencias e do orzamento da Dirección Xeral de I+D+i, boa parte da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, aínda que non achegou datas concretas, contradicindo o afirmado polo director xeral. En calquera caso, asegurou que se respectarán os dereitos do persoal funcionario e laboral.
A CIG considera que o proceso de transición non vai ser "tan sinxelo" e máis se se restrinxen dereitos laborais como a mobilidade. Así mesmo, criticou que a consellaría non informase debidamente os traballadores e as centrais sindicais antes que a prensa, malia a súa vontade de transparencia. Ademais, a CIG amosouse a favor de dialogar, sempre que a axencia non se converta nunha nova ETT dentro da Administración.