A CIG-Ensino levará esta semana á mesa sectorial a queixa dos centros escolares por non teren recibido aínda o orzamento para este ano.
A CIG critica tamén que se manteñan as subvencións a centros que segregan por xénero
"Esta situación ten paralizados os centros educativos xa que non contan coa liquidez necesaria para facer fronte aos gastos derivados da actividades docentes ou mesmo para os gastos correntes", denuncia a CIG-Ensino, advertindo de que a situación mesmo provoca un caos organizativo, xa que os centros nin sequera saben a día de hoxe cal é o orzamento concreto que lles corresponde, o que impide a planificación de actividades a desenvolver.
"Todo isto agravado pola redución orzamentaria que sufrirán os centros este ano, como consecuencia de recorte aplicado aos gastos dos centros na partida correspondente á Consellaría de Educación", recordan desde o sindicato. Láianse desde a CIG de que este atraso co orzamento das escolas coincida coa "dilixencia en gastalo en levar a cabo medidas contra o noso idioma, desmantelar as galescolas e na propaganda da propia consellaría". A CIG-Ensino levará o tema á xuntanza da Mesa Sectorial a próxima quinta feira, día 11 de marzo, esixindo que cando menos Educación "comunique, con carácter de urxencia, o orzamento que lle corresponde a cada centro" e que inicie, con carácter inmediato, a retribución das partidas correspondentes".