Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Aposta por reforzar os irmandamentos

O Comité Breizh-Galiza publicará as notas da viaxe de Cunqueiro á Bretaña

A asociación propuxo a creación dunha Casa bretoa no noso país -e viceversa-, e mostrouse preocupada polo decreto do plurilingüismo.

Redacción - 11:55 08/03/2010

O Comité Breizh-Galiza/Bretagne-Galice, asociación que procura profundar nas relacións e o coñecemento mutuo entre as dúas nacións atlánticas, acordou este sábado en asemblea publicar as notas da viaxe que Álvaro Cunqueiro realizou á Bretaña en 1964 acompañado do gaiteiro Polig Monjarret.

Será con ocasión da tradicional festa bretoa Gouel-Erwan, que se desenvolverá no mes de maio, segundo informa a Agence Bretagne de Presse. O Comité Breizh-Galiza ten previsto editar tamén un folleto de presentación da Bretaña en galego.

Ademais, na asemblea que se desenvolveu en Mur propúxose impulsar a creación dunha Casa da Bretaña na Galiza, o que implicaría -afirman- unha Casa da Galiza na Bretaña. E, tamén, mostrouse preocupación pola posíbel aprobación do decreto do plurilingüismo no noso país, que perdería espazo en favor do inglés.

Importancia dos irmandamentos

Incidiuse por outra banda na importancia de dar máis pulo aos irmandamentos entre localidades, iniciativa que contribúe a "unha mellor comprensión e enriquecemento mutuo entre pobos", segundo o presidente do Comité, Pierre Joubin.

Kemper (Quimper, en francés) e Ourense é unha destas unións; tamén An Oriant (Lorient) estreitou os seus vínculos con Vigo; e Roazhon (Rennes, capital administrativa bretoa) prevé a súa ligazón con Compostela.


4,64/5 (14 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



A asemblea renovou o seu consello de administración. Piere Joubin (no centro, de negro) seguirá a ser o presidente
A asemblea renovou o seu consello de administración. Piere Joubin (no centro, de negro) seguirá a ser o presidente