Unha empresa presenta un trebello que detecta toda a pornografía que hai gardada nun computador, mesmo despois de borrala.
O trebello antiporno
Unha empresa de electrónica acaba de poñer á venda un dispositivo USB que detecta pornografía no computador. Presentado como "un dispositivo sólido de detección de imaxes ilícitas deseñado para protexer a súa familia, empresa ou organización", asegura que mesmo detecta os arquivos borrados.
O Porn Detection Stick, da compañía Paraben, custa 100 dólares (73 euros) e preséntase como a solución definitiva para detectar ese tipo de arquivos usando unha combinación de métodos e algoritmos para analizar se unha imaxe é ou non pornográfica, cun índice de acerto superior ao 99%. O fabricante asegura que nunha hora e media analizou un disco duro de 500 GB con máis de 72 mil imaxes, atopando "só" 400 falsos positivos.
Aínda que se lle poden dar moitos outros usos, a empresa vendedora asegura que é ideal para descubrir se o computador "foi exposto á pornografía inadvertidamente ou por accidente" ou "se pensa que alguén está a ver pornografía no seu computador".